A Cátedra ALDABA-WIB da Universidade da Coruña organiza unha nova edición do seu campamento tecnolóxico de verán ALDABA-TIC Camp, dirixido a nenas e nenos nados entre os anos 2013 e 2019. A iniciativa ten como obxectivo fomentar as vocacións tecnolóxicas desde idades temperás, especialmente entre as nenas, ao tempo que promove habilidades propias do ámbito TIC nun contorno lúdico e inclusivo.

Baixo o lema “Salvar a Terra”, a rapazada participante aprenderá xogando sobre intelixencia artificial, programación de robots, domótica ou adestramento con drons, entre outras actividades, a través dunha misión de protección medioambiental e sustentabilidade.

A proposta responde a un dos principais compromisos da Cátedra ALDABA- WIB, que é reducir a fenda de xénero nas titulacións tecnolóxicas. Por este motivo, o 80 % das prazas están reservadas para nenas.

Haberá dúas localizacións, en coordinación coa UDC e a UVIGO, e con 30 prazas por quenda. Así, na Coruña, o campamento terá lugar na Facultade de Informática da Universidade da Coruña con dúas quendas: do 23 ao 27 de xuño de 2025 (agás o 24 de xuño, por ser festivo) e do 30 de xuño ao 4 de xullo.

Mentres que en Ourense,  realizarase unha quenda na Escola Superior de Enxeñería Informática do Campus de Ourense do 23 ao 27 de xuño de 2025. O horario será de 9:00 a 14:00, con servizos opcionais de madrugadores e comedor.

Segundo datos do Barómetro da Brecha de Xénero nos estudos TIC (BBG- TIC), ferramenta en liña gratuíta impulsada pola Cátedra, só o 16 % do alumnado do Grao en Enxeñaría Informática na Coruña e Ourense son mulleres. A situación mellora lixeiramente en titulacións máis recentes, como o Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos e o Grao en Intelixencia Artificial, mais segue afastada dos niveis desexables para unha representación equilibrada.

    Deja un comentario

    Más noticias….