O xurado dos Premios Selic considera que a obra ‘Sarela’ é merecedora da edición deste ano “por tratarse dunha obra ben estruturada, áxil, interesante e que, ademais, achega unha perspectiva da nosa cidade moi actual”. Nesta novela, indicou o xurado, “preséntanse cuestións e inquedanzas da sociedade presente, como a perspectiva de xénero, a de clase, a diversidade afectivo – sexual ou os confltos laborais, ao tempo que relata feitos da historia local recente”.
Así mesmo, o xurado sinalou o acerto de situar unha novela negra en Compostela, “feito que contribuirá, sen dúbida, a anovar as temáticas relacionadas coa cidade, alén dos tópicos históricos ou turísticos”.
A gañadora do Premio SELIC recibirá 6000 euros e a súa obra será publicada na colección SELIC que edita o Concello de Santiago.
O xurado que seleccionou a obras gañadora desta edición dos Premios SELIC estivo integrado por Arancha Rodríguez Fernández, Daniel Asorey Vidal, Llerena Perozo Porteiro, Manuel Portas Fernández e Óscar Senra Gómez asistidos polo técnico municipal de programación e xestión cultural, Xesús Amado Reino, en calidade de secretario, con voz e sen voto.
Sobre Marga Tojo
Marga Tojo González, nada en Santiago de Compostela, é unha poeta galega colaboradora de diversos medios dixitais e traballou para medios como Galicia Hoxe, Público, Altermundo, Revista Luzes ou Praza. Desenvolveu proxectos sociais e culturais. É autora dos poemarios ‘Cara de velocidade‘ (Kalandraka), premio internacional de poesía para nenos e nenas Cidade de Orihuela, ‘Arder‘ (Positivas), ‘Últimos bruídos‘ ou do ensaio ‘Maternidade fóra de catálogo‘ (Xerais).





Deja un comentario