GALICIA DESIGN WEEK, o festival de deseño de referencia do noroeste peninsular que se está a celebrar na Coruña, presenta esta fin de semana a súa liña profesional, nomeada PRO. Un programa de actividades gratuítas, que inclúen 13 parladoiros e 2 workshops, terán lugar nas xornadas do venres 23 e sábado 24 de maio no novo Espacio Avenida de Abanca, exemplo de rehabilitación patrimonial exemplar e icona da cidade, situado no Cantón Grande herculino. 

GALICIA DESIGN WEEK, co-dirixido por Marta González Rivas e Álex Rico Caramés, é a gran cita cultural que aúna á comunidade do deseño galego e ten como obxectivo inspirar e por en valor un sector profesional e cultural de enorme relevancia social e empresarial para o país; ademais de xerar comunidade, amosar boas prácticas, fomentar colaboracións coa creación de espazos e momentos de conexión e intercambio informal, xerar proxectos, formar novas xeracións e abrir o deseño galego ao exterior.  

Durante 9 días, #GDW25 ofrece unha ampla programación gratuíta con 21 actividades, como obradoiros, exposicións, parladoiros e sesións musicais. No marco da liña de programación PRO, que comeza este venres 23, GALICIA DESIGN WEEK reunirá a numerosas referentes en diferentes disciplinas do deseño;  e as conferencias do sábado serán 100% femininas -que supón ademais máis dun 50% da programación e do equipo de traballo da #GDW25-. Así, contará con parladoiros de Angie Bolea, da prestixiosa produtora Canada, da tipógrafa catalá Marta Cerdà, da creativa internacional Isabelita Virtual, da escenógrafa Marta Pazos ou da ilustradora Inma Hortas. 

Nesta parte PRO tamén haberá espazo para coñecer, desde a proximidade, o traballo dunha das axencias de referencia no ámbito do deseño editorial, como son os galegos Desescribir -e a súa editorial Fabulatorio-, mais tamén para descubrir os proxectos do estudio de arquitectura madrileño BURR, da axencia de branding Novagarda ou mesmo da marca de xoias RIGIDO e as súas creativas Carta et Stik. Ademais, o talento galego emerxente estará moi presente -alén das exposicións da #GDW25 que se poden ver estes días nas rúas da cidade- cunha conversa na que se darán a coñecer as iniciativas Aldea, Cotbar, Lixo e Proxecto Bolina. 


A programación PRO complétase con dous obradoiros gratuítos, aos que se poderá acceder previa inscrición a través do correo electrónico info@gdw.gal e para os que quedan moi poucas prazas dispoñibles. O venres 23, o estudio Vagrant ofrecerá un workshop sobre branding, no que mostrará a nova identidade tanto do festival de música Sónar coma da propia GDW. Ao día seguinte, o sábado 24, o Grupo Malasa impartirá o taller ‘A túa idea en maqueta. Do papel á forma’. Precisamente a empresa coruñesa, referente no sector da fabricación de mobiliario, é a responsable da instalación que se poderá ver até o 30 de maio na praza de Lugo sobre o talento galego máis destacado do último ano. 

Ao fío, Grupo Malasa fallará no marco de #GDW25 as propostas gañadoras do seu primeiro concurso de deseño de mobiliario para novas creadoras -chamado Grupo Malasa Talent Contest-, unha iniciativa dirixida especialmente ao alumnado galego dos centros orientados ao deseño coa intención de potenciar e promocionar o talento emerxente e o deseño local. As tres ideas gañadoras recibirán, en conxunto, ata 4.000 euros e un contrato laboral coa empresa. O ditame do xurado profesional, responsable de valorar as propostas recibidas, darase a coñecer o venres 23 ás 13:00 horas no Espacio Avenida. 

Ademais da programación PRO, esta fin de semana GALICIA DESIGN WEEK ofrecerá a liña SESSIONS, que pretenden favorecer o encontro entre creadoras e asistentes ao finalizar cada xornada PRO. Estas sesións musicais correrán da conta do DJ Certain People -quen festexará o décimo aniversario do seu selo Certain Music– e a DJ Gulya, tamén ilustradora, quen estará acompañada das visuais de Héctor de la Puente. Espacio Avenida e Malte Atochas acollerán estas propostas de lecer, ademais do Playa Club, na que se celebrará o peche do evento. 

Por último, esta fin de semana tamén se poderá gozar da liña SHOW, que conta con dúas exhibicións a ceo aberto: a Praza de Lugo acolle DESIGNED IN GALICIA, unha mostra sobre unha instalación deseñada polo Grupo Malasa arredor do mellor deseño do país do último ano; e a avenida da Mariña é o punto no que se atopa #NOVODESEÑOGALEGO, con base nunha instalación do estudio coruñés Flu-or que presenta o máis salientable do talento emerxente da comunidade. Ambas mostras poderanse visitar até 30 de maio e 15 de xuño, respectivamente. 

Esta liña SHOW complétase cun showroom, un escaparate dixital de creacións e espazos de artistas de Galicia que tamén dispón dun punto físico no Espacio Avenida durante o PRO (venres 23 e sábado 24) destinado a amosar e vender traballos dalgunhas das protagonistas deste ano: é o caso dos materiais da editorial galega Fabulatorio, do novo libro da tipógrafa Marta Cerdà ou creacións das marcas Aldea e Proxecto Bolina, que participarán nas conversas do sábado 24. Tamén estarán presentes neste espazo Cervezas Alhambra, café e revistas de News & Coffee e dulces de Goloso. 

Deja un comentario

Más noticias….