A Universidade da Coruña lanza UDC Conecta, unha iniciativa que nace co obxectivo de impulsar a conexión entre o coñecemento xerado na UDC e os sectores produtivos, promovendo o fortalecemento das cadeas de valor estratéxicas que garantan que os avances científicos se transformen en solucións.
Coa posta en marcha de UDC Conecta, establécese unha alianza permanente coa empresa, que terá a través desta plataforma única, un sistema de acompañamento integral e dinámico.
“Coa premisa de que a innovación é unha misión compartida entre empresa e universidade, desde a UDC queremos transformar o coñecemento en valor, nun valor útil para o noso tecido produtivo e, por ende, para a sociedade.” Así o destacou hoxe o reitor da UDC, Ricardo Cao, durante a presentación deste programa, que estará coordinado pola Oficina de Transferencia do Coñecemento (OTC) da UDC.
O acto de presentación, realizado no Paraninfo con representantes de máis de 100 empresas, foi conducido pola divulgadora Tamara Pazos e inaugurado polo reitor da Universidade da Coruña. A clausura correu a cargo do presidente do presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril; e o vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas.
Actualmente, explicou Cao, contamos cun equipo de máis de 1.400 persoas investigadoras, parte delas adscritas a algún dos catro centros de investigación: o Centro de Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), o Centro de Investigación en TIC (CITIC), o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI); ou vinculados ao Campus Industrial de Ferrol. Todos eles, centros nos que se está a traballar con altos niveis de excelencia.





Deja un comentario