GALICIA DESIGN WEEK, o festival de deseño de referencia do noroeste peninsular que se está a celebrar na Coruña, despídese este sábado 24 cunha xornada 100% feminina e con figuras recoñecidas a nivel internacional. Angie Bolea, Inma Hortas, Isabelita Virtual, Marta Cerdà e Marta Pazos serán as protagonistas das PRO TALKS, as conversas abertas ao público nas que presentarán os seus proxectos máis recentes.

A xornada, que comezará ás 10:30 horas no Espacio Avenida Abanca, terá como primeiro protagonista o novo deseño galego. Participarán a coruñesa Irene Cotelo, directora creativa do estudio cotbarMaría Candamo, impulsora de Lixo, o proxecto de artesanía deseño e transformación de residuos que os converte en xoias únicas; a guardesa Amalia Puga, quen dará a coñecer Proxecto Bolina, unha iniciativa de mobiliario creada en colaboración das redeiras da Asociación Atalaia; e Alba Vicario; de Aldea, un proxecto que une novas tecnoloxías con técnicas e formas artesanais partindo de materais de orixe vexetal. 

Marta Cerdà

Deseguido, a partir das 12:30 horas, será a quenda doutras dúas galegas de proxección internacional. É o caso da ilustradora Inma Hortas, coñecida, alén dos múltiples recoñecementos recibidos nos últimos anos, pola forte sensibilidade e carga conceptual do seu traballo; e da directora de escena, dramaturga e artista visualMarta Pazos, unha das creadoras máis influíntes da vangarda escénica española, cuxa obra destaca pola súa dimensión plástica. A mañá pecharase co obradoiro gratuíto ‘A túa idea en maqueta. Do papel á forma’, impartido polo Grupo Malasa, para o que xa non quedan prazas dispoñibles. 

Xa en horario de tarde, ás 16:00h, chegarán os pratos fortes desta liña PRO: a directora de arte, tipógrafa, ilustradora e deseñadora e multipremiada Marta Cerdà, quen acaba de publicar o libro Sobrevivivr al diseño. Tamén estará presente a creativa e fotógrafa publicitaria Isabel Martínez, coñecida como Isabelita Virtualque suma centos de miles de fieis nas redes sociais.  Finalmente, Angie Bolea, da produtora audiovisual Canada (compañía catalá con sede tamén en Londres e Los Ángeles, especializada na dirección de vídeos musicais – de artistas como Katy Perry, Dua Lipa ou Rosalía, entre outros nomes- e anuncios de televisión) será o ramo da programación PRO. 

Por último, celebraranse as últimas accións SESSIONS, as citas musicais que pretenden favorecer o encontro entre creadoras e asistentes ao finalizar cada xornada. Estas correrán da conta de DJ Gulya, tamén ilustradora, quen estará acompañada das visuais de Héctor de la Puente; e de DJ Certain People, quen festexará o décimo aniversario do seu selo Certain Music.

Exposicións #GDW25 
Alén destas actividades, esta fin de semana o público poderá visitar as dúas exhibicións a ceo aberto da GALICIA DESIGN WEEK: a Praza de Lugo acolle DESIGNED IN GALICIA, unha mostra sobre unha instalación deseñada polo Grupo Malasa arredor do mellor deseño do país do último ano; e a avenida da Mariña é o punto no que se atopa #NOVODESEÑOGALEGO, con base nunha instalación do estudio coruñés Flu-or que presenta o máis salientable do talento emerxente da comunidade. Ambas mostras poderanse visitar até 30 de maio e 15 de xuño, respectivamente. 

Entrega Grupo Malasa Talent Contest © Orain Studio


Outra das accións enmarcadas na liña SHOW é un showroom, un escaparate dixital de creacións e espazos de artistas de Galicia que tamén dispón dun punto físico no Espacio Avenida durante o PRO destinado a amosar e vender traballos dalgunhas das protagonistas deste ano: é o caso dos materiais da editorial galega Fabulatorio, do novo libro da tipógrafa Marta Cerdà ou creacións de Aldea e Proxecto Bolina. Tamén están presentes neste espazo Cervezas Alhambra, café e revistas de News & Coffee e dulces de Goloso. 

Propostas gañadoras do Grupo Malasa Talent Contest

Esta mañá tivo lugar a apertura oficial da liña PRO no Espacio Avenida, nun acto que contou coa presenza do director da Axencia de Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), Jacobo Sutil; do secretario da Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos (COAG); Emilio Rodríguez, do CEO do Grupo Malasa, Javier Pérez; ademais da dirección do evento, Marta González e Álex Rico, e da comunicadora Daniela Arias (USUAL).

Trala benvida, o Grupo Malasa deu a coñecer as propostas gañadoras do seu primeiro concurso de deseño de mobiliario para novas creadoras -chamado Grupo Malasa Talent Contest, e que conta co patrocinio de Krion Porcelanosa-, unha iniciativa dirixida especialmente ao alumnado galego dos centros orientados ao deseño coa intención de potenciar e promocionar o talento emerxente e o deseño local. Os proxectos de Maria Consuelo Rodríguez (1ª), Jennifer Suárez (2ª) e Helena Fernández (3ª) foron premiados e recibirán, en conxunto, ata 4.000 euros e cadanseu contrato laboral coa empresa coruñesa.

Deja un comentario

Más noticias….