A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación, falla a décima edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2025. Está destinado a galardoar unha peza xornalística científica ou tecnolóxica, de carácter informativo, en formato escrito ou audiovisual, publicada ou emitida no último ano en calquera medio galego (ou edición galega dun medio estatal). O premio entregarase nun acto que se celebrará o vindeiro 11 de xuño, no Pazo de San Roque de Santiago.
O xurado acordou conceder o premio -dotado con 3.500 euros- á reportaxe “Trabajos del Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago descifran cómo todos los caminos llevan a la obesidad” da xornalista Lucía Cancela Martínez, publicada o 4 de marzo de 2025 en “La Voz de la Salud” -o portal de saúde, benestar e nutrición de La Voz de Galicia-.
Aborda as investigacións que se están a levar a cabo no IDIS para atopar os mecanismos que expliquen unha patoloxía tan complexa como é a obesidade e buscar solucións á mesma. Ademais, pretende rachar cos mitos que rodean a esta enfermidade e co estigma que padecen as persoas que a sofren.
«Lonxe do que se adoita pensar, a obesidade non é o simple resultado de comer moito e moverse pouco. É unha enfermidade multifactorial na que interveñen moitas variables que aínda se están descubrindo. Precisamente, aquí entra o labor dos dous grupos de investigación que protagonizan a reportaxe. O seu traballo é fundamental para atopar non só a causa desta patoloxía, senón todos os mecanismos que están implicados e dos cales depende, en boa medida, a súa solución” -explica a galardoada-.
O xurado salienta que este traballo xornalístico trata “un tema de grande impacto social a nivel global dun xeito moi divulgativo, empregando unha linguaxe sinxela e un ton ameno, abordando desde un punto de vista científico un campo no que as pseudociencias e os bulos teñen ampla cabida. Asemade, contribúe a visibilizar a ciencia feita en Galicia, dándolle voz a investigadoras galegas que traballan neste campo”.

A segunda peza mellor valorada -dotada con 1.500 euros- é a reportaxe titulada “Dentro del quirófano en un trasplante de corazón: «Ha sido casi perfecto cuando ha vuelto a latir»” de Uxía Rodríguez Diez, publicada en “La Voz de la Salud” de La Voz de Galicia o 16 de febreiro de 2025. Amosa, desde os quirófanos do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), non só a complexidade técnica dun transplante de corazón, senón tamén a súa dimensión humana. O doante, o receptor, os profesionais sanitarios e o sistema que o fan posible son os protagonistas desta historia.





Deja un comentario