O xurado da XLII edición do Premio Xerais de Novela acordou declarar como gañadora a obra presentada co título Mulleres que viven xuntas. Tras abrir a plica, a autora resultou ser Rocío Otero, que asina baixo o pseudónimo Abril Camino.

Cun estilo sobrio e cunha magnífica construción das personaxes, que van medrando a través da intercalación de distintos tempos e voces narrativas, Mulleres que viven xuntas é unha novela que interpela as lectoras e lectores para reflexionar sobre as repercusións da orientación sexual e sobre as enormes dificultades a que algunhas persoas se tiveron que enfrontar durante a represión franquista e incluso na democracia, co que iso supuxo para o desenvolvemento da súa personalidade e das súas emocións. Unha obra conmovedora tecida cos fíos de cores do amor e da paixón, mais tamén con moitas puntadas escuras de frustración pola falta de liberdade e pola dor que provoca a perda das persoas queridas.

Para a autora, a obra significa “unha homenaxe a varias xeracións de mulleres que tiveron que facer pasar como amizade sentimentos máis fondos”.

Pola súa banda, a obra gañadora do XL Premio Merlín de Literatura Infantil é Erin e o lobo, escrita por Érica Esmorís.

erica_esmoris
Erica Esmoris

A obra presentada baixo o título Erin e o lobo é unha intensa e emotiva novela escrita desde o corazón sobre a comuñón coa natureza, a crianza, a autoestima, as segundas oportunidades e o poder absoluto do amor. A novela narra unha temeraria aventura protagonizada por unha nena valente e un lobo solitario, na cal, segundo destacou o xurado da XL edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, a eficaz combinación entre unha evocadora descrición de lugares e personaxes de gran carga simbólica e o ritmo áxil dunha acción ben tramada contribúe a construír un relato épico, onde as imaxes xogan un papel fundamental sen renunciar á acción e á aventura.

Para Érica Esmorís, este é un libro moi especial. “É unha historia que nace da fraxilidade, da tenrura e dos vínculos que me sosteñen”, conta. Ademais, gañar o Premio Merlín “de novo dez anos despois e facelo xunto a Andrea Maceiras fai que este momento sexa aínda máis emocionante e completo”, explica.

Pola último, o xurado da XVII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil declarou gañadora a obra titulada O corvo sobre a neve, presentada baixo o lema Sosias, que resultou ser de Andrea Maceiras.

Andrea Maceiras
Andrea Maceiras

A medio camiño entre a fantasía, a ficción científica, a novela distópica e mesmo a aventura, O corvo sobre a neve é unha viaxe pola supervivencia nun mundo hostil onde os lobos parecen os únicos aliados.

Unha historia que converte a IA en coprotagonista para abordar temas como as consecuencias do cambio climático, a inxustiza social ou a emigración.

O xurado da XVII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil destacou a calidade da obra presentada, así como o bo emprego da lingua nunha narración limpa con trazos líricos cuxo final, predicible e ao mesmo tempo inesperado, contrasta coas duras vivencias dos personaxes ao longo da trama.

121 orixinais
Este ano presentáronse aos premios 121 orixinais, o que supón o dato de participación máis alto dos últimos anos. Tras o proceso de edición das tres obras gañadoras, Xerais celebrará unha festa de entrega dos premios no mes de outubro, cando os libros estean xa nas librarías. O acto terá lugar o sábado 11 de outubro no Museo do Mar de Galicia, en Vigo.

40 edicións do Premio Merlín
O Premio Merlín de Literatura acada este ano a súa XL edición. Para celebralo, a festa de entrega dos Premios Xerais 2025 estará centrada na literatura infantil galega e na extraordinaria colleita de títulos que ten proporcionado este galardón.


Deste xeito, dende o seu nacemento, o Premio Merlín de Literatura Infantil ten premiado a autoras e autores que xa son clásicos da nosa LIX como Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Bernardino Graña, Marilar Aleixandre ou Ledicia Costas. Do mesmo xeito, algúns dos libros recoñecidos con este premio foron logo Premio Nacional de Literatura Infantil, como Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, premiado en 2014.

Deja un comentario

Más noticias….