Os animais poden ser moito máis ca mascotas: convértense en verdadeiros aliados terapéuticos para persoas en proceso de rehabilitación. Así o demostran as intervencións asistidas con animais, nas que os cans xogan un papel protagonista como ferramenta complementaria no tratamento de doenzas físicas, mentais e emocionais.

“Existen estudos que avalan as utilidades destes tratamentos, sobre todo en persoas con problemas de saúde mental, autismo ou discapacidade física”, explica Lucía Lombardía Costiñas, terapeuta ocupacional e responsable da Área de Intervencións Asistidas con Animais de Candamin, unha entidade galega referente neste tipo de terapias.

Trátase de intervencións adaptadas ás necesidades de cada usuario, independentemente da súa idade. A Ourense, unha das provincias máis envellecidas de Galicia, estas terapias chegan como unha oportunidade única para conectar co rural e mellorar a calidade de vida das persoas maiores. “Nas persoas maiores con vínculo co campo, o contacto cos animais esperta recordos da infancia, xera motivación e actúa como unha potente fonte de estimulación tanto para o paciente como para o animal”, apunta Lombardía.

A importancia dunha formación especializada

O éxito destas terapias reside, segundo Lombardía, na profesionalización do sector. A figura do educador canino é esencial: é o encargado de garantir que o animal estea ben preparado para traballar en contornos de rehabilitación. “Estamos a traballar con persoas, por tanto non chega con ter formación sanitaria. É necesaria tamén unha formación específica en educación canina”, subliña.

A terapeuta advirte, ademais, dos riscos de incorporar animais sen o asesoramento axeitado. “Está moi de moda que recomendemos ás familias acoller un animal cando hai dificultades, pero moitas veces escóllese un can ao azar e isto pode complicar aínda máis a situación”, explica. Lembra que decidir incorporar un animal á vida cotiá debe ser unha decisión informada e meditada: “Se xa hai unha situación complicada na casa, por exemplo cunha persoa con necesidades especiais, os coidados multiplícanse porque tamén hai que atender ao animal”.

As intervencións asistidas con animais seguen a gañar espazo nos ámbitos da saúde e do benestar en Galicia, demostrando que, con preparación e responsabilidade, un can pode ser moito máis ca un compañeiro: pode ser un auténtico terapeuta.

Deja un comentario

Más noticias….