David Civera, Kuve e Anabel Conde súmanse ao cartel da sexta edición do Atlantic Pride, que, da man destes tres novos artistas, converterá a derradeira xornada da súa sexta edición, o domingo 13 de xullo, no mellor ‘revival eurovisivo’.
Entre o 6 e o 13 de xullo, A Coruña volverá ser a sede do ‘Orgullo do Norte’ para celebrar a sexta edición do Atlantic Pride. O festival está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña – ORCO-. Neste 2025, a cita propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. Ademais de David Civera, Kuve e Anabel Conde, no seu cartel destaca a presencia de bandas e artistas como Judeline, Edurne, Jimena Amarillo, Nia, Merche, Paula Koops, David Civera, Mayo, Kuve, De Ninghures, Turista Sueca, Anabel Conde, Agoraphobia, Alana, Leria, Elba e Rivadulla.
Pola súa banda, aos pratos das pinchadas do Atlantic Pride 2025 estarán Sofía Cristo, Cascales, Coolnenas, La Kristhofer, Kris K DJ, DJ90, DJ Licho, DJ Flashback, DJ Espinoso e DJ CÉS. Ademais, á cita co ‘Orgulllo do Norte’ coruñés neste 2025 non faltarán, tampouco, as drags Samantha Ballentines, Arantxa Castilla-La Mancha & OnyX Unleashed, Ariel REC & Gaylicia, Liteah, Yasmine Lutar, Kelly Amethyst, RRRITA y Escarlatina Pier.
No acto de presentación do cartel completo do evento celebrado esta mañá na Coruña, o co- director do Atlantic Pride Iván Cervo fixo un repaso das novidades que lle agardan ao público nesta sexta edición do encontro, e desvelou, tamén, o programa por días do festival, que pódese consultar na web http://www.atlanticpride.es. Cervo convidou, tamén, a todos os públicos a sumarse á festa e gozar da diversidade deste ‘Orgullo do Norte’ coruñés.
Deste xeito, tres das voces máis emblemáticas e icónicas da música popular española das últimas tres décadas serán as encargadas de botar o pano da sexta edición do Atlantic Pride o domingo 13 de xullo nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña. David Civera, estrela do pop español que alcanzou fama internacional ao representar España en Eurovisión 2001, logrando o mellor posto do país en máis de dúas décadas co seu éxito Dile que la quiero.
Visita este verán a cidade herculina coa súa xira “Grandes éxitos 2025” coa que repasará un rico repertorio de grandes cancións que forman parte da memoria musical de toda unha xeración.
Xunto a David Civera estará Kuve, o alter ego de Maryan Frutos Maíquez, unha forza imparable do pop electrónico contemporáneo. Con catro álbums e múltiples participacións en grandes citas de renome, a artista mestura de maneira brillante o indie-rock con sons sintéticos, entregando directos cheos de enerxía e potencia. Tras ser finalista no Benidorm Fest 2025 co seu sinxelo LOCA XTI, chega ahora ao Atlantic Pride da Coruña, cunha música conecta diferentes xeracións e estilos nun espectáculo vibrante e moderno.
Finalmente, Anabel Conde, unha voz histórica do Festival de Eurovisión de 1995, onde acadou un memorable segundo posto co celebrado tema Vuelve conmigo, amosará como mantén viva a súa pegada e o seu compromiso coa música pop máis actual. Da man destes tres artistas, a xornada de clausura do Atlantic Pride 2025 será unha oportunidade única para gozar dunha noite repleta de emoción, talento e diversidade musical, que promete conectar o pasado, o presente e o futuro da música pop española nunha experiencia inesquecible.





Deja un comentario