Vigo súmase aos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia cun novo fito: o novo Festival Galicia Fest no Peirao de Transatlánticos da cidade olívica, que terá lugar os días 29 e 30 de agosto. Así o presentou está mañá en rolda de prensa o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles. No acto, que tivo lugar no mesmo espazo onde se celebrará o festival, Merelles estivo acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz.
No acto de presentación do Galicia Fest celebrado está mañá en Vigo, Xosé Merelles salientou que “co apoio dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia, Vigo suma un novo e singular evento ao seu calendario estival, que situará á cidade olívica no mapa estatal das citas estivais de referencia coa música en vivo”.
Merelles apuntou, tamén, que “Galicia Fest non só busca ofrecer concertos, senón crear un espazo de encontro, gozo e descubrimento no corazón de Vigo. A cita será unha oportunidade única para vivir o verán desde unha perspectiva musical fresca, urbana e con ganas de deixar pegada, cun cartel atractivo para as audiencias máis actuais”. E rematou destacando que “a cita será un novo motor socio-económico da contorna urbana, xerando gasto e riqueza cultural e converténdose nun activo da cidade para atraer a públicos curiosos de diferentes puntos de España”.
Pola súa banda, Ana Ortiz destacou que o Goberno galego aposta de forma decidida pola cultura en Vigo. «Desde a Xunta existe un absoluto compromiso coa oferta musical e cultural da nosa cidade e este festival é outra proba que se suma a eventos como o concerto de Anastacia ou o Festival Musicav de jazz», sinalou. Ademais, a delegada apuntou que non será o último anuncio por parte dos Concertos do Xacobeo para Vigo. «Moi pronto teremos algunha novidade máis», sinalou.
Ata o de agora a Xunta promoveu en Vigo os concertos de Ivan Ferreiro, Anastacia e eventos coma One Dance Festival, Vigo Porté e o espectáculo Carmina Burana de La Fura dels Bauls.
Galicia Fest é un novo festival de indie-pop que chega con ganas de marcar un antes e un despois no calendario musical de Galicia e do norte de España, como unha cita fundamental para os amantes da música en directo. Este evento, que nace coa intención de converterse nunha referencia dos festivais de formato medio, combina unha localización privilexiada, un cartel de primeiro nivel e unha ambiciosa proposta: ofrecer unha experiencia moderna, cultural e emocional, aliñada coas tendencias dun público novo e adulto que busca gozar da música nun entorno urbano, fresco e cheo de enerxía.
Un cartel de altura
No marco dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia, o cartel do Galicia Fest 2025 reúne artistas de renome cunha traxectoria consolidada en festivais e xiras por todo o país. Entre os nomes confirmados destacan Leire Martínez —na súa primeira xira en solitario tras a súa etapa en La Oreja de Van Gogh—, Sexy Zebras, La Habitación Roja, Dorian, Fredi Leis, Maldita Nerea, Beret —quen ofrecerá a súa única data en Galicia en 2025—, ademais de Marlon, Éxtasis, Samuraï, Hey Kid, Noan e Paula Koops. Aínda quedan por anunciar novos cabezas de cartel, que completarán un elenco de artistas pensado para atraer un amplo espectro de público, especialmente entre os 20 e os 40 anos.
As entradas para esta primeira edición do Galicia Fest poranse á venda mañá venres, 30 de maio, a partir das 12.00 horas, a través da web oficial do festival.





Deja un comentario