As Festas de Ourense 2025 incluirán por primeira vez unha tirada de fogos artificiais desde a Ponte do Milenio. Será nunha dobre sesión, que se desenvolverá na noite do domingo, 22 de xuño, desde as 23.59 horas. O goberno municipal ultima os preparativos desta tradicional cita das festas da cidade, que este ano terá como novidade a elección da Ponte do Milenio, que lle dará unha maior vistosidade ao espectáculo ademais de permitir que o público dispoña dunha zona de visionado máis ampla.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, avanza que: “este ano os fogos artificiais serán especiais porque haberá dobre sesión e porque por primeira vez na historia lanzaranse desde a Ponte do Milenio. A vistosidade será moitísimo maior, xa que se aumentan as zonas de visionado para o público. Ademais, os fogos serán moito máis espectaculares xa que se lanzarán desde unha altura maior. Tamén porán en valor a Ponte do Milenio a nivel de espectáculo. Desde a súa inauguración en 2001 nunca se tiraran os fogos desde alí, e estamos seguros de que é o sitio ideal”.
O público poderá contemplar o espectáculo desde a zona do Ribeiriño, na marxe dereita do río Miño, (lugar desde o que se tiraban os fogos nos anos anteriores), ademais de desde a Ponte Vella, a contorna da Policía Local ou a rúa Pardo de Cela. Porén, non se recomenda o visionado desde a marxe esquerda do río.
O espectáculo tamén contará este ano cun patrocinador privado de publicidade.





Deja un comentario