O profesor Félix Nieto, pertencente ao Grupo de Mecánica de Estruturas do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña, e o profesor Michael
Howland, do Departamento de Enxeñaría Civil e Ambiental do Massachusetts Institute of Technology (MIT), veñen de obter unha achega de 30.000 dólares a través do programa MIT-Spain INDITEX Circularity Seed Fund para desenvolver un proxecto conxunto centrado na mellora do coñecemento das características do vento en localizacións offshore.
O proxecto, titulado “Geospatial Sensing, In Situ Measurements, and Numerical Modelling of Offshore Wind Resources”, desenvólvese entre maio de 2025 e xaneiro de 2027 e conta coa participación de investigadores de ambas institucións, entre os que se atopa tamén Antonio J. Álvarez (UDC), así como alumnado de posgrao.
O obxectivo é avaliar e combinar tres tecnoloxías clave: sensores LIDAR (Light Detection and Ranging), imaxes satelitais SAR (Synthetic Aperture Radar) e modelos numéricos de mesoescala; para reducir as incertezas na estimación da velocidade e dirección do vento sobre o océano. Estas tecnoloxías veñen de demostrar o seu potencial para cubrir unha área de estudo onde tradicionalmente resultaba complexo instalar estacións meteorolóxicas, sendo de gran interese para actividades como a produción de enerxía eólica offshore, a navegación ou a planificación ambiental.
O profesor Nieto sinala que esta investigación busca xerar confianza na crecente dispoñibilidade de datos sobre o vento mariño procedentes da observación remota vía satélite, combinándoos con datos recollidos directamente no campo para reducir os erros nos modelos meteorolóxicos.
“Este traballo terá un impacto directo nas aplicacións mariñas, incluíndo, pero non limitándose, á produción de enerxía eólica offshore”, afirma. Nieto destaca a colaboración entre Inditex e o MIT: “é moi importante a aposta de INDITEX pola investigación e o apoio que presta a través do MIT-Spain Circularity Seed Fund. Grazas a esta iniciativa, que promove o intercambio científico entre equipos de España e Estados Unidos, podemos establecer colaboracións en investigacións cun centro de referencia mundial como o MIT, desenvolvendo proxectos innovadores que teñen un impacto positivo na sociedade e que, ademais, crean un ambiente de traballo moi estimulante, especialmente para os investigadores máis novos”.





Deja un comentario