As curtametraxes de ficción e animación finalistas aos Premios Mestre Mateo volven a formar parte do Ciclo Mestre Mateo grazas a colaboración entre a Academia Galega do Audiovisual e a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).
Hoxe en rolda de prensa, a vogal da Academia Carmen Méndez, os directoras e directoras das curtametraxes finalistas aos XXIII Premios Mestre Mateo e o director de AGADIC, Jacobo Sutil, presentaron aos medios de comunicación as novidades da segunda edición do circuíto de exhibición de curtametraxes Ciclo Mestre Mateo.
«As curtametraxes son unha peza clave para o sector audiovisual galego e iniciativas como esta permiten que teñan unha vida máis alá dos festivais. Este ciclo é tamén unha ferramenta para acadar un dos grandes obxectivos das políticas culturais: a descentralización. Levar cultura audiovisual a 24 concellos, moitos deles vilas e pequenas localidades, é un paso importante para que a cultura chegue a todos os recunchos de Galicia», destacou Jacobo Sutil, quen tamén quixo felicitar á Academia polo impulso desta iniciativa, dar a benvida á nova xunta directiva encabezada por Lucía Veiga e agradecer o traballo realizado pola anterior dirección.
Nesta nova edición do ciclo, que comeza o venres en Betanzos, participan 24 concellos de toda Galicia. Unha aposta de ambas entidades pola descentralización da oferta cultural que se desenvolverá en poboacións e vilas pequenas e medianas nas que habitualmente non existe unha oferta deste tipo de obras audiovisuais nin de cinema comercial. A programación está formada polos traballos finalistas á mellor curtametraxe de imaxe real e animación dos últimos Premios Mestre Mateo: Nai, Platónico, platónica, Pura, Véxote, Avetimología, Eu vou comigo, Noites de prata e Sinapse. O ciclo convértse na maior mostra de exhibición de curtametraxes de Galicia e nun dos proxectos audiovisuais con maior penetración territorial.
«O cinema en formatos curtos ten moi poucas oportunidades de chegar ao público fóra dos festivais de cinema. A falla de circuitos estables de exhibición é un desafío recoñecido polo sector audiovisual e neste contexto o Ciclo xoga un papel especialmente relevante, converténdose no maior circuito de exhibición de curtametraxes de toda Galicia e nun dos proxectos culturais galegos con maior penetración territorial», explicou Carmen Méndez. Os directores das curtametraxes destacaron tamén a «importancia» deste tipo de iniciativas para «recuperar espectadores e non consumidores» no audiovisual.
Concellos de toda Galicia participan no Ciclo Mestre Mateo. As proxeccións de curtametraxes comezan este venres 6 de xuño en Betanzos e pasarán por todos os concellos participantes. O circuíto reafirma así o seu papel como plataforma de difusión para o talento galego e como espazo de encontro entre o cinema e a cidadanía.





Deja un comentario