Ata o 29 de xuño, a zona exterior do Museo do Traxe de Madrid amosa, no marco do Mes do Deseño Emerxente, Diáspora, unha cápsula de moda da deseñadora galega Laura Villar Loureiro que rende homenaxe á Galicia que emigra e á súa fonda tradición cultural. A mostra forma parte dunha iniciativa do propio museo en colaboración cos principais centros de formación en deseño de moda a nivel estatal, que busca visibilizar o talento das novas xeracións e dar a coñecer a diversidade educativa do sector.

Nesta edición, o Mes do Deseño Emerxente preséntase por vez primeira como concurso nacional. Máis de 26 escolas presentaron proxectos, dos cales só seis foron seleccionados para participar. Entre elas, a EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela, que está representada pola proposta de Laura Villar. A deseñadora explica: «A oportunidade xurdiu a través da escola Mestre Mateo, que sempre nos motiva a participar en iniciativas coma esta. Casualmente este ano o formato de exposicións consistía nun concurso onde participaron máis de 26 escolas, e finalmente quedaban 6, entre as que quedou a miña proposta. A temática para o concurso era a vestimenta rexional española. Nun principio pensara en presentar a colección final, mais presentei esta que é a primeira que fixen, porque consideraba que encaixaba mellor co tema e era unha oportunidade para ensinar mellor a tradición de aquí.»

Diáspora componse de tres estilismos —dous femininos e un masculino— e parte dunha inspiración moi concreta: a vestimenta tradicional de loito en Galicia, ese loito polos vivos que emigraban sen saber se volverían. A través de tecidos ricos como adamascados, veludos, pedrería, bordados e o emblemático encaixe de Camariñas, Laura Villar Loureiro ofrece unha reinterpretación contemporánea da tradición galega, á vez que reivindica a identidade cultural e denuncia a falta de valoración das raíces propias fronte ao foráneo.

A proposta tamén se inscribe nun exercicio de diálogo coa historia: todas as coleccións seleccionadas no concurso parten dun proceso de investigación vinculado á Exposición do Traxe Rexional de 1925, celebrada no Palacio de Bibliotecas e Museos de Madrid, aproveitando o centenario das coleccións do Museo do Traxe.

Laura Villar, que este mesmo ano recibiu o Premio Despunte ao Mellor Traballo de Fin de Estudos da EASD Mestre Mateo pola colección Lembranza, consolida así a súa proxección como unha das creadoras emerxentes con máis sensibilidade e visión de futuro do panorama galego.





Deja un comentario