Desde as 11.00 horas, a praza de San Rosendo e a pista polideportiva acolleron un mercado veciñal de economía circular, así como actividades educativas e de sensibilización medioambiental para todas as idades.

A xornada arrincou coa apertura do mercado veciñal na praza de San Rosendo, unha oportunidade para que a veciñanza e os visitantes do barrio fomentasen o consumo responsable, a recuperación e a reciclaxe vendendo e intercambiando roupa, libros, accesorios, e outros enseres en bo estado. “A mellor forma de que a cidadanía se conciencie da necesidade de reducir os residuos é xerar os menos posibles e un consumo responsable. A recuperación de todo tipo de aveños e roupa é clave para iso”, sinalou Neira. «As cousas que xa non nos serven poden ser idóneas para outras persoas, con iniciativas como esta alongamos a súa vida útil e evitamos que a súa eliminación acabe sendo un problema», agregou.

Ao tempo, na pista polideportiva programáronse actividades lúdicas de sensibilización ambiental para todas as idades, como xogos de preguntas e respostas, fabricación de ‘bombas’ de sementes e cociñas solares. O barrio encheuse de contedores decorados con plantas, paneis informativos e soportes acuñados con lugares emblemáticos da cidade con mensaxes ambientais. O valo do polideportivo converteuse nun mar para concienciar sobre a redución do uso de plásticos, lema da campaña deste ano do Día do Medio Ambiente.

Ademáis, a xornada completouse cun encontro do Grupo Local do proxecto Urbact COPE, un programa europeo no que o barrio coruñés desenvolve, xunto a distritos doutras sete cidades europeas, unha experiencia de participación cidadá no desenvolvemento das políticas verdes a través dun enfoque local.

Desde 2023, a asociación de veciños, entidades do barrio e o Concello traballan para deseñar un Plan de Acción Integral asociado ao proxecto Urbact COPE, co obxectivo de avanzar na transformación dun distrito que xa está a vivir pasos clave como a humanización da rúa Sagrada Familia, xa iniciada este ano, e coa que o Goberno de Inés Rey dá continuidade ao plan de ampliación da Rolda Peonil.

Deja un comentario

Más noticias….