A Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, promoverá unha nova edición do Corazón da Artesanía. XII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que terá lugar os días 4, 5 e 6 de xullo no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada (Pontevedra) co obxectivo de consolidar esta cita como un dos principais referentes na promoción da artesanía na Península Ibérica.
Na edición deste ano está previsto que participen un total de 56 artesáns de 26 oficios diferentes, entre os que se atopan 41 expositores de produtos de Artesanía de Galicia —aos que se lles suma Álvaro Pin, máis coñecido coma o Florencio dos Barreiros, que está facendo unha demostración de zocas—, 14 docentes dos diferentes cursos especializados e obradoiros abertos e 33 empresas de produtos gourmet, 24 das cales contan co selo de Artesanía Alimentaria.
Recoñecido co premio Promociona para entidades públicas nos Premios Nacionais de Artesanía 2023, o encontro ten como obxectivo impulsar o sector artesán galego mediante a valorización dos oficios, a promoción dos produtos de Artesanía de Galicia, a súa proxección en novos mercados e, especialmente, a creación de colaboracións nas que a artesanía achegue valor engadido. O Corazón da Artesanía consolídase tamén como un punto de encontro entre artesáns e profesionais doutras disciplinas —deseñadores, decoradores, chefs, xornalistas, representantes de marcas e tendas especializadas—, favorecendo sinerxías que transcenden a feira e que abren novas oportunidades comerciais e de colaboración a medio e longo prazo.
Durante tres días, en horario de 11,00 h. a 14,00 h. e de 16,00 h. a 21,30 h., o Corazón da Artesanía combinará tradición e vangarda nun encontro único que incluirá demostracións de artesanía en vivo, o programa Artesanía no Prato —que une gastronomía e artesanía—, cursos especializados para artesáns e obradoiros abertos ao público, ademais de música en directo e actividades para nenos.
Os oficios representados abranguen unha ampla diversidade: xoiería e ourivería, sombreirería, instrumentos musicais, olería, cerámica, elaboración de zocos e zocas, marroquinería, téxtil, bordado, traballo en madeira e papel, forxa, cestería, colareiras, xoguetes, estampaxe, bordado ao aire e labores de palla. O programa inclúe tamén cursos especializados —para os que será precisa inscrición previa— sobre estampaxe, pasamanería, elaboración de redes, olería, traballo en coiro ou debuxo, así como obradoiros abertos sobre oficios como o bordado, tecido, papiroflexia, forxa, cerámica de torno ou a creación de figuras con miga de pan. Como é habitual, o encontro acollerá a iniciativa Artesanía no Prato, posta en marcha en 2013 no marco deste evento, co obxectivo de fomentar a colaboración entre artesanía, gastronomía e deseño. Nesta edición, recoñecidos cociñeiros realizarán demostracións en directo, empregando pezas da marca Artesanía de Galicia para presentar os seus menús. A programación complétase con concertos e espectáculos ao aire libre, que se celebrarán durante a fin de semana na Praza do Concello





Deja un comentario