O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a orde pola que se crea o Comité Clínico de Reprodución Humana Asistida. Trátase dun órgano colexiado, de carácter autonómico e que terá como obxectivos garantir a equidade no acceso aos tratamentos e ofrecer asesoramento naqueles casos que poidan resultar máis complexos.
O novo ente adscribirase ao Servizo Galego de Saúde a través da dirección xeral competente en materia de Asistencia Sanitaria e, entre os seus cometidos, está a correcta implantación do Plan galego de reprodución humana asistida (2024-2028).
O Comité Clínico estará integrado por un presidente, un vicepresidente, un secretario e nove vogais. A totalidade dos membros representarán as direccións de Recursos Económicos, Recursos Humanos e Asistencia Sanitaria da Consellería de Sanidade. Do mesmo xeito, haberá representantes das tres xerencias das áreas sanitarias de Santiago, A Coruña e Vigo, nas que se sitúan as unidades especiais de referencia na materia.
O Comité exercerá funcións de asesoramento e avaliará o seguimento da implantación do plan mencionado anteriormente. Proporá, ademais, criterios para elaborar protocolos de actuación que garantan que os pacientes accedan en condicións de igualdade aos tratamentos de reprodución humana asistida.
Así mesmo, os membros poderán emitir informes dos obxectivos asistenciais e promover estratexias formativas en técnicas de reprodución humana asistida. Unha das funcións máis relevantes é a que se refire á detección das dificultades que poidan xurdir á hora de realizar algunha actividade nas propias unidades, así como a análise de casos clínicos concretos e a resolución de dúbidas sobre a súa interpretación.
A orde publicada este martes no Diario Oficial de Galicia tamén recolle a posibilidade de crear grupos de traballo ao abeiro deste comité. Estes grupos poderán estudar temas concretos relacionados coas materias da súa competencia e estarán coordinados por un membro do comité clínico.
Reforzo do persoal nas unidades de reprodución asistida
Tal e como recolle o Plan galego de reprodución humana asistida da Xunta, o Servizo Galego de Saúde multiplicará por 2,5 o número de profesionais destas unidades para pasar dos 30 actuais a 74 profesionais ao remate do plan en 2028. Cun investimento de 7,8 M€, ademais de persoal, habilitaranse novos espazos e adquirirase equipamento para cumprir os obxectivos do plan de reprodución asistida.
Galicia ofrecerá a carteira de servizos máis ampla de España neste eido xa que, entre outras posibilidades, permitirá a conxelación de óvulos para mulleres de 30 a 35 anos sen patoloxías que desexen adiar a maternidade, dará acceso a estas técnicas a mulleres que xa tivera un fillo e elevará a idade máxima de acceso ás técnicas de reprodución asistida ata as menores de 45 anos.





Deja un comentario