O Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol acolle, este venres 13 de xuño, ás 19:30 horas, a presentación do libro Mesopotamia (Editorial Erasmus, 2025) escrito polo profesor de Historia Antiga da Universidade da Coruña (UDC), Juan Luis Montero Fenollós. No acto, estará acompañado polo profesor do Centro de Enseñanza Superior Alberta Giménez (CESAG) da Universidad Pontificia Comillas, director da revista Reseña Bíblica e autor de numerosas e importantes obras sobre o cristinanismo, Jaime Vázquez Allegue.

Neste libro, o seu autor, o profesor Juan Luis Montero Fenollós explica o verdadeiro significado histórico e cultural da antiga Mesopotamia. Faino, a través de sete grandes áreas temáticas: a auga, a cidade, a realeza, a xustiza, a escritura, a relixión e a morte. A pesares da súa relevancia histórica como berce civilizador, o mundo mesopotámico segue a ser, a día de hoxe, un gran descoñecido. Esta rexión histórica de Oriente Próximo, situada entre os ríos Tigris e Éufrates, foi a terra do gran heroe Gilgamesh, o rei de Uruk, e da Torre de Babel, o monumento bíblico da confusión de linguas.
Juan Luis Montero Fenollós é doutor en Historia pola Universitat de Barcelona (UB) e profesor de Historia Antiga na Universidade da Coruña (UDC). Conta con máis de 30 anos de experiencia en arqueoloxía de Oriente Próximo, en concreto, en Siria, Palestina e Iraq. É o presidente da sociedade científica Centro de Estudios del Próximo Oriente Antiguo (CEPO) e o director da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial, adscrita á Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol e impulsada pola Universidade da Coruña (UDC) xunto co Concello de Ferrol.





Deja un comentario