A Cátedra Greenalia-UDC organiza os días 25, 26 e 27 de xuño o curso de verán “O Papel da Eólica Mariña como Vector Socioeconómico e Tecnolóxico da Transición Enerxética en Galicia: Retos e Oportunidades”, que terá lugar no Salón de Graos da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña (Campus de Elviña). Esta proposta formativa busca ofrecer unha análise transversal e especializada do desenvolvemento da eólica mariña en Galicia, abordando os seus desafíos e potencial desde múltiples perspectivas.

O obxectivo é achegar unha visión experta e plural sobre a cadea de valor da eólica mariña ou eólica offshore, destacando o papel clave que pode desempeñar Galicia como polo de atracción de proxectos estratéxicos neste ámbito. Así mesmo, porase en valor o liderado da Universidade da Coruña como axente fundamental de I+D+i na procura de solucións para un sector que se presenta como crucial na transición enerxética.

Dirixido a un público amplo, o curso está especialmente pensado para estudantes e titulados de áreas STEM e xurídico-sociais, así como para profesionais do sector ou persoas en busca de emprego. A participación de expertos e profesionais das principais empresas da cadea de valor facilitará o contacto coa realidade laboral e cos perfís profesionais máis demandados.

Programa
Durante as tres xornadas, o curso estrutúrase en relatorios e mesas redondas con intervencións de profesorado universitario, representantes institucionais, expertos técnicos e profesionais do sector industrial.

Así, o mércores 25 de xuño abordarase o contexto actual da eólica mariña en Galicia e o seu impacto socioeconómico, así como a súa interacción co medio ambiente e o papel da UDC como institución dinamizadora do I+D+i neste sector.

O xoves 26 de xuño o foco estará na regulación, os riscos, e a visión das empresas; incluíndo o programa intervencións sobre o valor do litoral e a eólica mariña, así como dúas mesas redondas centradas no desenvolvemento da eólica offshore e o impacto industrial en Galicia, unha delas, e no liderado dos portos no desenvolvemento deste tipo de enerxía, a outra.

Finalmente, a programación do venres 27 de xuño volverá incidir sobre o impacto socioeconómico da eólica mariña en Galicia, así como na relación co sector pesqueiro, e incluirá a presentación do proxecto eólico mariño Gofio da empresa Greenalia e unha visita ao CITEEC, Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil da Universidade da Coruña, punteiro en solucións para a éolica mariña.

Prezo e inscrición
O curso ten un custo xeral de 20€, cunha tarifa reducida de 10€ para estudantes universitarios, membros da comunidade UDC, persoas desempregadas e participantes nos Premios Galicia Renovable para TFGs e TMFs da Cátedra Greenalia-UDC.

Deja un comentario

Más noticias….