O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas innovadoras e/ou de base tecnolóxica “Galicia Avanza” ten en marcha a súa cuarta edición, na que se seleccionaron 30 empresas de toda a comunidade. Esta iniciativa é froito da colaboración entre a Consellería de Economía e Industria, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole -sociedade participada pola Xunta de Galicia-, entidade encargada da súa xestión e coordinación.

As empresas beneficiarias do programa están a participar nun programa integral de apoio á internacionalización, que se prolongará ata febreiro de 2026, con itinerarios personalizados para cada unha delas. As compañías xa van acadando os seus logros nos seus mercados de interese, como é o caso de Vanetta Food, con sede en Nigrán, especializada na elaboración de alimentos gourmet con ingredientes vexetais, reinterpretando pratos tradicionais como o cachopo ou a zorza en versións veganas. Non empregan aditivos e usan envases ecolóxicos.

A startup galega, caracterizada por aplicar a tecnoloxía e a innovación na industria alimentaria e que está a revolucionar a tradición culinaria con proteína vexetal, acaba de dar un importante salto internacional ao lograr entrar no mercado francés. Os seus produtos xa están dispoñibles en varios supermercados da cadea Hyper U do país veciño, en localidades como Saint-Père-sur-Loire, La Ferté-Saint-Aubin e Baule. “Estamos a conquistar os padais franceses antes que parte do retail nacional” -salienta a conselleira delegada da empresa, Águeda Ubeira-. Manifesta que Vanetta representa “un xeito diferente de entender a alimentación vexetal e coa tradición galega por bandeira”.

“Conseguimos que a proteína vexetal traspase fronteiras e prexuízos”
Desde a súa creación en 2003, Vanetta logrou un magnífico crecemento e expansión grazas á súa proposta innovadora. “Reinterpretamos pratos tradicionais como a zorza galega, o lombo adobado ou o cachopo asturiano, elaborados unicamente con produtos e ingredientes de orixe vexetal, sen perder sabor nin identidade, e coa sostibilidade como principio” -apunta Ubeira-. “Logramos así calar nos consumidores, na hostalería e nos distribuidores que buscan alternativas vexetais de verdade e sen perder a esencia da cociña de toda a vida. Conseguimos que a proteína vexetal traspase fronteiras e prexuízos” -declara-.

A aterraxe no país francés supón o inicio do plan de internacionalización da firma, que en menos de dous anos logrou consolidar a súa presenza en decenas de puntos de venda en España. Co apoio do programa “Galicia Avanza”, Vanetta xa está a traballar en novas aperturas fóra das nosas fronteiras para este mesmo ano, en mercados como Portugal, Reino Unido e Francia.

Deja un comentario

Más noticias….