Fillas de Cassandra e Çantamarta publicarán o 25 de xuño a canción A todas partes, unha colaboración que agroma da unión das voces, raíces e vivencias das dúas bandas. A peza, que se poderá escoitar en todas as plataformas dixitais a partir das 00.00h do mércores 25, é un canto ao orgullo cultural.

As dúas formacións, que beben das raíces e dos ritmos de Galicia, Andalucía e o Caribe, asinan en A todas partes o seu primeiro traballo en común, que nace do encontro entre diferentes mundos musicais unidos pola diversidade de acentos, experiencias e linguas. Así, esta canción é, a ollos de Fillas de Cassandra e Çantamarta, un cable á terra; un canto aos lugares nos que medraron e dos que están feitas, marcadas polas xentes, as paisaxes e as identidades; mais tamén achega unha reflexión das idas e dos retornos, da saudade e do desexo de manter viva a admiración e o agarimo pola terra. Unha canción que é unha voz e que esta, á vez, é moitas e chega a todas partes. 

Fillas de Cassandra salienta que a colaboración naceu da admiración do dúo por Çantamarta. “Lanzámonos ao abismo ao facer a proposta. Non nos coñeciamos en persoa, mais sabiamos que queriamos crear algo con eles”, apuntan María e Sara, que recoñecen “estar cheas e felices” por ter compartido con Beni, Luis e Omar, “tanto dentro do estudio coma fóra del”, o proceso. “Todas volcamos a nosa creatividade e sentímonos libres de expresar as nosas necesidades. Agora, con cada escoita do tema, as bágoas asoman un chisco; pois percibimos toda a contorna das raíces e a unión de todas elas moi dentro de nós”, sinalan.

Pola súa banda, Çantamarta asevera que “sinte un fondo respeto e admiración” por Sara Faro e María SOA. “É unha honra ter creado esta peza con elas polo xeito no que se xuntaron as nosas propostas, na que que destacan, por igual, todas as cousas que nos unen e as que nos distinguen. Cremos que é algo que enriquece a todos e cada un dos versos que compoñen unha canción tan linda e especial”, expresa o trío, que engade: “O que acontece con Fillas de Cassandra e Galicia é o mesmo que nos identifica co Caribe e Andalucía. Non entenderiamos o noso proxecto sen eses códigos, sen esas linguaxes nin as culturas que representan. Por iso, para nós, este track é un cable á terra”. 

O sinxelo A todas partes, que xa se pode pregardar nas plataformas dixitais para escoitar a partir do mércores 25 de xuño, acompañarase dun vídeo rodado durante a gravación do propio tema.

Deja un comentario

Más noticias….