Bodegas Martín Códax presenta unha nova edición de “Os Xoves de Códax”, o seu ciclo musical do verán, que desde hai xa doce anos conxuga o mellor da música en directo coa solidariedade e o compromiso cultural nun entorno único: a terraza da adega en Cambados, coa vista privilexiada sobre a Ría de Arousa e os atardeceres do Salnés como escenario natural.

Este 2025, os concertos celebraranse os días 17 e 31 de xullo, e 7 e 14 de agosto, ás 20:30 horas, cun cartel de luxo que reúne a artistas de referencia da escena estatal e galega. Cunha aposta clara pola diversidade de estilos, a emoción nas letras e a conexión co público, a programación ofrece catro citas inesquecibles.

Un ciclo con impacto real
Dende os seus inicios, “Os Xoves de Códax” non só achega cultura: achega compromiso. A recadación íntegra de cada concerto irá destinada a apoiar proxectos sociais con impacto en Galicia, un por cada xornada, reafirmando a aposta de Bodegas Martín Códax por unha cultura que transforma e por unha empresa que retribúe ao seu territorio.

Grazas a este modelo solidario, o ciclo leva xa recadados máis de 270.000 euros, contribuíndo ao financiamento de proxectos que melloran vidas e xeran conciencia social.

“A música emociona, une e dá sentido. En Bodegas Martín Códax entendemos a cultura como un acto de responsabilidade, como unha ferramenta para construír unha sociedade mellor. Por iso, ‘Os Xoves de Códax’ son tamén unha maneira de devolver á comunidade todo o que nos dá”, explica Jorge Pallarés, director de marketing de Bodegas Martín Códax.

Un ano máis, “Os Xoves de Códax” convida a vivir o verán con intensidade e propósito: catro xoves de boa música, viño e compromiso para celebrar o que nos une e aportar, entre todas e todos, un gran de área cara un futuro máis xusto, sostible e orgullosamente galego.

Deja un comentario

Más noticias….