Este venres día 27 de xuño, o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña acollerá a visita do prestixioso investigador Bradley Moore, profesor da Scripps Institution of Oceanography da Universidade de California, San Diego. Esta visita enmárcase dentro da estratexia de internacionalización de transferencia de coñecemento do centro, e conta co apoio da Rede CIGUS, a cal integra a aqueles centros cuxa calidade e impacto de investigación foi acreditada pola Xunta de Galicia.
A conferencia, titulada “Understanding the Specialized Chemistry of the Ocean’s Living Wonders to Improve Human Health”, terá lugar ás 12:00 h no salón de actos do CICA, e está aberta ao público, con preferencia para o persoal investigador do centro. Durante a súa intervención, o Dr. Moore afondará no potencial terapéutico das moléculas producidas por microorganismos mariños, unha fonte aínda pouco explorada pero que representa unha fronteira emerxente na loita contra enfermidades como o cancro, infeccións bacterianas ou enfermidades inflamatorias.
Referente na bioprospección mariña
O Dr. Moore é unha figura recoñecida internacionalmente polos seus estudos pioneiros en química mariña, biosíntese de produtos naturais e enxeñaría xenética de microorganismos mariños. A súa traxectoria, que combina a bioloxía molecular, a oceanografía e a química orgánica, sitúao como un dos principais expertos no descubrimento de compostos bioactivos procedentes do océano.
O seu grupo de investigación desenvolve estratexias de manipulación xenética para mellorar a produción de moléculas con actividade farmacolóxica e facilitar a súa aplicación en biomedicina, un enfoque que pode acelerar o desenvolvemento de novos fármacos.
O océano como farmacia natural
Na súa charla no CICA, o Dr. Moore compartirá casos concretos de fármacos en fase de desenvolvemento. Estes compostos mostran unha sorprendente diversidade estrutural e funcional, o que os converte nun recurso clave para afrontar retos sanitarios actuais como a resistencia antimicrobiana.
Esta visita enmárcase na liña de accións impulsadas polo CICA para promover a excelencia científica e as posibles sinerxías que poidan suceder entre grupos de investigación do centro e persoas expertas internacionais de primeiro nivel.





Deja un comentario