A cidade picheleira volverá latir ao ritmo das historias do Festival Atlántica a partir do vindeiro luns, 30 de xuño, e ata o sábado 5 de xullo. A décimo terceira edición deste encontro internacional de narración oral ofrecerá na súa primeira xornada dous espectáculos gratuítos nos que a fantasía e a memoria terán o protagonismo absoluto.
A programación comezará ás 19:00 horas no Teatro Principal co espectáculo Artiloxios, do narrador aragonés Oswaldo Pai, unha combinación de contacontos, poesía e dispositivos robóticos para público infantil (+8 anos) e adultos. Oswaldo Pai é o artífice dun espectáculo que transforma a poesía nun xogo sensorial cheo de inventiva e humor. Artiloxios é unha festa de versos e artefactos: máquinas caseiras e marabillosas que fan soar os poemas, acenden a imaxinación e fan rir.

Entre engrenaxes e palabras aparecen o grafitófono, o susurrófono ou o ascensor ascensonórico, dispositivos únicos que acompañan a lectura de textos de autores como Gloria Fuertes, Lorca, Maria Elena Walsh ou Gerardo Diego, entre outros. Un espectáculo lúdico e sorprendente que esperta a curiosidade e celebra a poesía como unha experiencia viva, chea de ritmo, misterio e inventos imposibles. Os convites para esta proposta pódense retirar na Zona C (máximo 4 por persoa).
A xornada continuará ás 21:00 horas nos xardíns do CSC Maruxa e Coralia coa estrea absoluta de Memorias do lume, da narradora galego-uruguaia Soledad Felloza, directora artística do propio Atlántica. Este espectáculo para público adulto articúlase como un exercicio de autonarración onde corpo, voz e memoria se entrelazan para manter aceso o facho do que fomos e do que poderiamos ser. Memorias do lume recolle historias herdadas, soñadas ou escoitadas á calor dunha pota ou baixo a lúa, relatos pequenos que non entran nas estatísticas pero que gardan o cerne do vivido. Un espectáculo que defende a narración oral como acto de resistencia, de coidado e de transmisión.

Palabra viva como amuleto
Co leitmotiv da memoria como amuleto protector, o Festival Atlántica 2025 pon o foco no poder simbólico da narración oral como acto de protección e resistencia. Os sanandresiños de Teixido, pequenas figuras votivas cargadas de desexos e significados, inspiran a imaxe desta décimo terceira edición do festival.
A presenza de Atlántica en Santiago e Teo é posible grazas á financiación da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, ao patrocinio dos respectivos concellos e á colaboración do Museo do Pobo Galego, da A.C. O Galo e do CSC A Rocha. Santiago e Teo forma parte das 27 localidades galegas e portuguesas que este ano acollen o festival. Toda a información está dispoñible na web www.festivalatlantica.gal.





Deja un comentario