A primeira edición desta xornada de portas abertas permitiu descubrir as posibilidades do Pazo e dar os primeiros pasos na organización do seu día.
Arredor de 60 parellas participaron este 29 de xuño na primeira edición de “Sí, quero no Pazo de Toubes”, unha xornada organizada para todas aquelas persoas que están a planificar a súa voda.
Durante a mesma, puideron descubrir os diferentes espazos do Pazo —rodeado de viñedos e séculos de historia— e realizar visitas guiadas coa responsable de eventos.
O ambiente foi excepcional, tanto entre os asistentes como entre os propios profesionais do sector presentes, que compartiron espazo e experiencias ofrecendo asesoramento próximo e personalizado. Fotografía, vídeo, moda nupcial, música, decoración, ilustración, tatuaxes… todos co obxectivo común de inspirar e axudar a dar forma á voda soñada.
A cita contou ademais con ofertas especiais, sorteos e degustacións gastronómicas, incluíndo un cóctel a cargo do restaurante Pazo de Toubes e unha selección de viños da bodega Viña Costeira, que permitiron achegarse ao estilo culinario que podería formar parte dun banquete dunha voda real.
Un dos momentos máis emotivos chegou ás 13:00 h coa simulación dunha voda ficticia, na que a parella protagonista selou o seu amor a través do ritual simbólico do viño. Un xesto cargado de significado, enraizado na identidade vitivinícola do Pazo.
O evento deixou moi boas sensacións entre as parellas, moitas das cales coñeceron por primeira vez o Pazo de Toubes e quedaron namoradas do seu encanto. Algunhas delas incluso xa fixaron a súa seguinte visita para concretar detalles e seguir avanzando nos preparativos.
Dende a organización valoran a experiencia de forma moi positiva e xa anuncian que, tras o éxito desta primeira edición, traballarán para repetir o encontro o próximo ano.
O Pazo de Toubes será o lugar de novas citas durante este verán como a Noite das Perseidas o 7 de agosto e o festival de música Costeira Sonora o 27 de setembro, un entorno máxico para momentos inesquecibles.





Deja un comentario