Josecho González expón Geometrías no Espazo de Arte de Roberto Verino do 1 de xullo ao 30 de agosto. Ao longo de todo o verán poderemos ver a obra do pintor de Carballo. Interesado desde temperá idade no mundo das artes plásticas, é na súa madurez cando penetra plenamente nel, establecendo un contacto máis directo coa arte a través dun proceso autodidacta que o leva a desenvolver un estilo propio co que se identifica totalmente.

A súa obra enmárcase na abstracción xeométrica, caracterizada polo uso de formas xeométricas organizadas de maneira lóxica, que dan lugar a composicións cheas de cor, ritmo e movemento. O resultado é unha harmoniosa conxunción de plasticidade, cromatismo e forza formal. Cada peza preséntase como unha obra autónoma, sen intención de representar conceptos externos, onde a cor e o fondo adquiren protagonismo. Así, recupera as posibilidades expresivas da forma e a cor como medios pictóricos, convidando o espectador a interactuar e interpretar libremente a obra.
Expuxo en diversas salas de Galicia, tanto de forma individual como colectiva, así como en espazos de Braga, O Porto e Madrid. Tamén participou en bienais e feiras internacionais en Portugal e París. Algunhas das súas obras forman parte de coleccións privadas e de institucións como a Fundación Paideia (A Coruña).

Actualmente vive e traballa en Carballo, onde ten o seu estudo. Desde alí continúa desenvolvendo novas obras en distintos formatos, creando estruturas xeométricas máis complexas e explorando a superposición de formas. Paralelamente, prepara a súa incursión no ámbito da escultura, sempre baixo a influencia da abstracción xeométrica.





Deja un comentario