Galicia xa ten novo rei das tapas. O chef compostelán Alejandro Ferreiro, á fronte dos fogóns do restaurante O Sendeiro, proclamouse este martes mellor cociñeiro de tapas de Galicia 2025 no certame «Sete Cidades, Sete Sabores», celebrado na Cidade da Cultura.
A súa proposta, titulada «Bonito, millo e langostino», conquistou o paladar do xurado profesional, composto por expertos gastronómicos e representantes de institucións como o Centro Superior de Hostalería de Galicia ou Galicia Calidade. A tapa, que destaca pola súa aparente sinxeleza pero fonda complexidade de sabores, ofrece un diálogo perfecto entre o produto do mar e o da terra, cunha tortilla de millo fritida como base e ventrescas de bonito delicadamente preparadas «Quixen facer unha tapa que falase de nós, do mar e da terra, sen perder a sinxeleza”, explicou Ferreiro ao recoller o galardón» contou o gañador.

A creación compostelá impúxose ás outras seis finalistas, procedentes das principais cidades galegas: A Coruña, Vigo, Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol. A gala, presentada pola xornalista Lucía Rodríguez, reuniu propostas moi diversas, dende receitas doces ata combinacións con gamba, tomate confitado ou chourizo.

Ferrol conquista ao público
Se ben Santiago se fixo co recoñecemento técnico, o premio do xurado popular, formado polos asistentes ao evento, foi parar a Ferrol. Alí, os chefs Álex Martínez e Mar Lago, do restaurante O Bacelo, presentaron «Os Polos Opostos», unha tapa que recupera ingredientes tradicionais como as cabezas de bacallau e as filloas, cun recheo de repolo e paté de chourizo cebolleiro, rematada con perlas de aceite de oliva.
Con esta vitoria, Alejandro Ferreiro sucede ao coruñés Manu Triay, gañador da edición 2024, consolidando a capital galega como epicentro da innovación gastronómica en formato pequeno.
O certame “Sete Cidades, Sete Sabores”, promovido por Turismo de Galicia, reafírmase como escaparate privilexiado da cociña de autor galega, onde a creatividade e o produto de proximidade van da man.





Deja un comentario