As artistas Natalia Fernandes e Marta Azparren iniciaron esta mañá na Igrexa da Madalena, no marco da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, a MIT, a súa andaina na novena edición das Residencias Paraíso. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. A MIT acolle, desde hoxe e até o luns, 21 de xullo, a quinta destas residencias artísticas de 2025, en torno á proposta das creadoras Natalia Fernandez e Marta Azparren que ten por título Cerrados y dormidos los ojos bailan.

Cerrados y dormidos los ojos bailan é un é un diálogo entre a Anatomía inventada de Natalia Fernandes e o Cine ciego de Marta Azparren, unha investigación que propón a construción do corpo imaxinario dunha non-bailarina posible, coa que as creadoras buscan xerar unha conciencia sobre a mirada do público e a súa posición política diante dos discursos impresos no corpo en movemento.
Unha vez finalizada a súa residencia artística, Natalia Fernandes e Marta Azparren ofrecerán unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar na mesma Igrexa da Madalena de Ribadavia, no marco da celebración da MIT, o domingo, 20 de xullo, contra ás 21.00 horas, con entrada de balde ata completar a capacidade do espazo. Paralelamente, as creadoras participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón.





Deja un comentario