O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas innovadoras e/ou de base tecnolóxica “Galicia Avanza” ten en marcha a súa cuarta edición, na que se seleccionaron 30 empresas de toda a comunidade. Esta iniciativa é froito da colaboración entre a Consellería de Economía e Industria, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole -sociedade participada pola Xunta de Galicia-, entidade encargada da súa xestión e coordinación.

As empresas beneficiarias están a participar nun programa integral de apoio á internacionalización, que se prolongará ata febreiro de 2026, con itinerarios personalizados para cada unha delas. Entre estas compañías atópase Safetop, especializada na fabricación e distribución de equipos de protección e seguridade laboral, que busca reforzar a súa presenza no mercado exterior a través da súa liña de luvas para profesionais, sistemas anticaída e solucións dixitais neste eido. Os seus produtos están desenvoltos con tecnoloxía propia.

Un paso fundamental para expandirse por Oriente Medio, un mercado con gran potencial no sector industrial e da construción
Safetop vén de lograr un importante fito na súa expansión internacional coa apertura dun novo punto de venda en Qatar. A compañía desembarca así no mercado dos Emiratos Árabes, fortalecendo a súa presenza global e apuntando a un destino de alto potencial, tal como destaca o responsable de exportacións da empresa, David Míguez. “Esta operación supón contar co primeiro distribuidor da nosa marca na rexión de Emiratos Árabes, e representa unha acción estratéxica para acceder a un mercado con grandes perspectivas de crecemento no sector industrial e da construción” manifesta-.

Con esta incorporación, Safetop eleva a máis de 15 os países nos que mantén unha presenza activa dos seus produtos, entre eles Angola, Tunes, Marrocos, Estados Unidos, Panamá, México, Uruguai, Guatemala, Alemaña, Italia, Francia, Suecia, Dinamarca, Letonia, Eslovenia ou Eslovaquia. Consolida así a súa posición como referente internacional na subministración de equipos de protección individual (EPIs) e solucións de seguridade para a contorna laboral. «O inicio de operacións en Qatar non só reforza o noso compromiso coa expansión internacional, senón que tamén nos permite establecer unha base sólida nunha rexión clave como é Oriente Medio, onde a demanda de produtos de alta calidade en seguridade laboral está en constante progresión» -sinala Míguez-.

“A nova apertura en Qatar enmárcase dentro do noso ambicioso plan de crecemento, apostando por unha rede global de distribución para ofrecer un servizo máis próximo, áxil e eficiente a clientes de todo o mundo. Safetop continúa así o seu camiño cara ao liderado global no sector, combinando innovación, calidade e compromiso coa seguridade laboral como eixes fundamentais da súa proposta de valor” -remarca o responsable de exportacións da compañía-.





Deja un comentario