O bonito da lonxa volve ser protagonista coa segunda edición de “A Coruña, que bonito!”, unha iniciativa que convida a saborear o mellor da cociña coruñesa a través deste peixe.

Desde hoxe e ata o 17 de agosto, un total de 28 establecementos hostaleiros repartidos por toda a cidade herculina ofrecerán ata 37 elaboracións distintas co bonito como ingrediente estrela. Trátase dunha edición de récord, tanto pola cifra de locais participantes como pola diversidade de propostas, que inclúen desde tartar ou tataki ata pratos máis tradicionais como marmitako ou escabeches reinventados.

a coruña que bonito
O mercado de San Agustín acolleu a presentación

O obxectivo da campaña é triplo: poñer en valor a calidade do produto local, impulsar o turismo gastronómico e apoiar ao sector da restauración, visibilizando tamén o talento dos cociñeiros e cociñeiras coruñeses.

Entre as propostas destacan combinacións sorprendentes como o bonito curado con gaspacho de cereixas e menta chocolate de Charlatán, o bonito con yuzu e mandarina de Intenso ou o ceviche de bonito ao estilo peruano de Ultramarinos Galera. Outras apostas máis tradicionais tamén teñen cabida, como o bonito á brasa con escabeche de cenoria de Culuca ou o marmitako de La Teresa.

Ademais, a maioría das propostas contan cunha recomendada maridaxe con cervexas artesás da gama 1906, reforzando o vínculo entre produto local e innovación culinaria.

Esta iniciativa é tamén unha oportunidade para presumir de produto de proximidade e do saber facer da hostalaría local coruñesa, que transforma o peixe da Lonxa en pratos de alta calidade accesibles a todo tipo de público.

Deja un comentario

Más noticias….