A localidade de Miño pretende converterse na capital literaria de Galicia coa celebración da cuarta edición da Feira da Cultura EnCaMiño, que reunirá a máis dun cento de escritoras e escritores entre os días 17 e 20 de xullo, así como a editoras, librarías e outros axentes do sector cultural.

A feira, que este ano se desenvolverá nas Pistas do Rabazal e no Centro Social A Rúa, contará cun amplo programa que inclúe obradoiros, conversas e faladoiros literarios para todo tipo de público lector, así como sinaturas de exemplares, unha presentación itinerante por escenarios marítimos, un roteiro poético pola Fraga do Xarío ou espectáculos infantís, de narración oral, humorísticos e musicais.

O xoves 17 de xullo as actividades estarán ubicadas no Centro Social da Rúa, o epicentro cultural da localidade. Entre elas, haberá unha exposición do artista panameño Charles Bonilla, que elaborará unha obra en directo durante o resto das xornadas, un obradoiro de escrita creativa a cargo da autora Men Marías e un obradoiro de estampación, coordinado pola ilustradora La chica de la cinta.

Mercado Cultural, irmandades e colaboracións

Os días 18, 19 e 20 de xullo levarase a cabo o Mercado Cultural nas Pistas do Rabazal, baixo unha carpa que concentrará a meirande parte das actividades. Entre elas, o venres destacan os actos de irmandade coa feira Santiago de Letras, que se celebrará na localidade tinerfeña de Santiago del Teide e a feira do libro de Murcia, un dos principais eventos literarios do panorama nacional. Estes dous actos reforzarán os lazos de cooperación cultural entre territorios, consolidando a proxección da Feira da Cultura EnCaMiño en Galicia e visibilizándoa no eido estatal. Contará con presencia institucional e escritores canarios e murcianos como Ana Nayra Gorrín, Pedro de la Rosa e Javier Marín.

Un instante da edición de 2024

As conversas literarias atraerán escritores a nivel autonómico, nacional e internacional como como as premios nacionais Chus Pato, Bea Lema e Yolanda Castaño, Pedro Feijóo, Arantza Portabales, Silvia Penas, Marta Villar, Antía Yáñez, Andrea Maceiras ou Cecilia F. Santomé, así como escritores relevantes como Santiago Díaz, Luis Zueco, Nagore Suárez Iria G. Parente, Selene M. Pascual, Myriam M. Lejardi, Lidia G. Merenciano, Lucía Chacón ou a mexicana Natalia M. Alcalde entre outros moitos.

Contará coa presenza dun importante número de escritores emerxentes e independentes que virán tanto de Galicia como doutras comunidades autónomas, como é o caso de escritoras como a vasca Xandra Bilbao, a conquense Julia de la Fuente ou as andaluzas Vanessa Hidalgo e Silvia P. Martín, así como a asociación de escritores asturianos Tinta Astur, o que sinala a relevancia literaria do evento, que este ano está marcado por un importante porcentaxe de escritoras na súa programación. 

Esta edición producirase unha colaboración coa asociación cultural Autobán, atraendo un feixe de ilustradoras para dar a coñecer os seus traballos artísticos. Outros puntos de venda serás os das librarías Galgo Azul, Pilar e Libraría Pedreira, así como das editoras independentes Calacán Editora, Hércules de Ediciones, Edicións Malafera ou Mundos Flotantes, dende Madrid.

Roteiros pola natureza

Unha das apostas da Feira da Cultura EnCaMiño é a mestura entre literatura e natureza coa celebración de dous roteiros. O primeiro deles será na xornada do sábado, a cargo de Xurxo Souto. Co nome de “Sesión sonora”, partirá do porto de Miño para elaborar unha presentación itinerante do libro “Somos un pobo de artistas”. Na xornada do domingo celebrase o roteiro poético “A fraga dos versos”. Situado nunha das localizacións con maior valor ecolóxico, ambiental e etnográfico de Miño como é a Fraga do Xarío, xuntará microrrecitais de Chus Pato, Silvia Penas, Branca Trigo e Pilar Astray. Unha reivindicación da cultura en espazos rurais como eixo dun turismo sostible, como tamén o demostra a actividade “Entre verbas e petiscos”, unha serie de encontros tipo cóctel entre usuarios de clubes de lectura, creadores de contido arredor do fomento da lectura e escritores participantes, que atraerá lectores a Miño dende outras comunidades autónomas como Euskadi, Castela e León ou Madrid.

Deja un comentario

Más noticias….