O programa de cooperación internacional Interreg Atlantic Area acaba de aprobar o proxecto RIVERS-REST no que participa o Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) da Universidade da Coruña, cun financiamento de case 3 millóns de euros.
A proposta dos investigadores da UDC, vinculados ao Centro de Innovació Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC), parte da necesidade urxente de reducir a contaminación que os ríos verten ao océano Atlántico, un problema que afecta gravemente ao medio ambiente, á funcionalidade e a sustentabilidade do sistema hídrico e a numerosos aspectos da Economía Azul, como a navegabilidade fluvial ou a rexeneración das praias.

Para facer fronte a este desafío, o proxecto “RIVERS RESToration to reduce erosion and the transport of sediments & pollutants to the ATLANTIC Ocean” liderado na UDC por Jerónimo Puertas Agudo, propón novas solucións técnicas e modelos de gobernanza que permitan reducir a escorrentía de sedimentos e contaminantes químicos cara aos ríos e ao Atlántico. Ademais, experimentará con enfoques innovadores de restauración da natureza e fomentará o desenvolvemento conxunto de métodos e ferramentas de planificación capaces de corrixir estes problemas.
Deste xeito, o equipo investigador aspira a recuperar os ríos como ecosistemas vivos, capaces de manter os seus valores naturais e de actuar como fontes de sedimentos fértiles que nutran as praias, contribuíndo así a reducir os riscos de inundación e ambientais. Para logralo, aplicarase unha combinación de Solucións Baseadas na Natureza, promoción dunha agricultura máis sostible e reforzo das conexións ecolóxicas entre interior, costa e contornas urbanas, sempre conciliando a protección ambiental co desenvolvemento económico.
Nesta liña, o proxecto inclúe políticas de ordenación do territorio e proxectos piloto que freen a erosión e devolvan os sedimentos ao curso natural dos ríos.
Un equipo internacional
Ademais do equipo da Universidade da Coruña, RIVERS-REST conta con socios de diferentes institucións internacionais. No ámbito estatal participan a Agencia de Régimen Especial del Ciclo Integral de las Aguas del Retortillo, a Confederación Hidrográfica del Guadalquivir, a Autoridad Portuaria de Sevilla e Andalus Organic, S.L., todas entidades sevillanas.
En Francia colaboran o Grand Port Maritime de Bordeaux, o Syndicat Mixte pour le Développement Durable de l’Estuaire de la Gironde e a Université de Limoges; en Portugal, Águas do Algarve e a Universidade de Coimbra; e en Irlanda, o Trinity College Dublin. O proxecto, cun orzamento global de 2,8 millóns de euros, iniciarase en setembro.
O programa Interreg Atlantic Area
The Interreg Atlantic Area é unha iniciativa da Unión Europea que impulsa a cooperación entre países, rexións e comunidades, financiando proxectos que afrontan retos comúns e ofrecen solucións sostibles. O programa céntrase especialmente na innovación, a protección do medio ambiente e o turismo sostible. O proxecto RIVERS-REST contribúe ao obxectivo específico 2.7, orientado a mellorar a protección e conservación da natureza, a biodiversidade e as infraestruturas verdes, incluídas as contornas urbanas, así como a reducir todas as formas de contaminación.





Deja un comentario