Este verán, o corazón da gastronomía galega latexa con máis forza grazas á chegada de Chichalovers a O Grove. O recoñecido proxecto compostelán con raíces rurais abre un pop-up estacional dentro da coñecida, arrocería A Lanzada, co obxectivo de achegar os sabores tradicionais da aldea a novos públicos, sen renunciar á calidade, á proximidade nin á identidade.

Chichalovers é moito máis ca unha bocatería. É o resultado dunha cadea curta de produción que comeza na súa propia gandería en Santa Comba, continúa na carnicería do Mercado de Abastos de Santiago, e chega aos comensais a través dun formato contemporáneo e accesible, baseado en bocadillos de chicharróns e chourizos de elaboración propia.

A súa aposta pola calidade, a identidade galega e o respecto polo produto valeulles o recoñecemento cun Solete Repsol, así como o Certificado de Artesanía Alimentaria da Xunta de Galicia, que acredita o seu compromiso coa produción artesanal e a materia prima de proximidade.

A proposta para esta apertura estival preséntase cunha carta reducida, que inclúe tres das nosas referencias máis vendidas, unha opción vexetariana, e —como en todos os nosos puntos de venda— tódalas referencias dispoñibles sen glute. Unha aposta clara por achegar o noso produto a todos os públicos, sen perder calidade nin esencia.

“A nosa intención é recuperar os sabores da terra, darlle valor ao produto local e reinterpretar receitas tradicionais sen perder a súa esencia”, explican os fundadores do proxecto. “Queremos demostrar que un bocadillo pode ser algo máis: pode contar unha historia de territorio, de respecto polo produto e de orgullo pola nosa cultura gastronómica.”

Este novo punto de encontro gastronómico en O Grove estará operativo durante a tempada estival, co mesmo compromiso co produto e coa calidade que define o local base en Santiago. A proposta está pensada tanto para o público local como para os visitantes que buscan experiencias auténticas e saborosas durante as súas vacacións.

Chichalovers aposta polo produto de proximidade, pola identidade galega e por unha maneira de comer máis consciente. En cada bocado hai territorio, hai memoria e hai verdade.

Deja un comentario

Más noticias….