O Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole -sociedade participada pola Xunta de Galicia- acaba de sacar a concurso o deseño e execución dun mural de arte urbana sobre o seu gran depósito de auga. O orzamento base da licitación é de 42.350 euros, IVE incluído. O prazo para presentar as ofertas remata o vindeiro 13 de agosto ás 14:00 horas. As persoas interesadas en desenvolver este proxecto creativo deberán achegar as súas propostas a través do SILEX, o Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia.
A obra obxecto deste concurso é unha construción do ano 1992, realizada sobre formigón. Está integrada por un depósito duns 5 metros de altura e 24 metros de diámetro exterior; e un pilastre duns 25 metros de altura e 2,50 metros de diámetro. A superficie total a pintar estímase que é duns 570 metros cadrados. O mural debe incluír as dúas partes da estrutura, tanto o piar como o depósito.

A idea é que a obra sexa visible desde fóra do Parque, que se poida apreciar a distancia.
Tal como sinala o director do Parque Tecnolóxico de Galicia, Javier Taibo, “coa realización deste mural artístico preténdese visibilizar e achegar Tecnópole á cidadanía a través da arte urbana, ao tempo que se mellora a imaxe das instalacións e se proporciona un novo elemento distintivo de referencia co que se identificará o Parque”. Indica ademais que se busca que a obra reflicta algúns dos eixes fundamentais sobre os que se desenvolve Tecnópole, como son a tecnoloxía, a innovación e o talento; a divulgación; e a sostibilidade. E, no caso de que o mural inclúa algún texto, deberá estar en galego.





Deja un comentario