O Hospital Universitario de Coruña (HUAC) acolleu esta mañá unha sesión experimental centrada en avaliar a funcionalidade e usabilidade de sistemas de realidade aumentada (RA) en contornas reais de quirófano. A investigación forma parte da tese doutoral titulada Interfaces virtuais e realidade aumentada para cirurxía, desenvolvida por Ánxela Pérez no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol, baixo a dirección do investigador do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) Florian Michaud e de Nieves Pedreira, profesora da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) da Universidade da Coruña (UDC).
Unha ollada dixital para a cirurxía do futuro
Na sesión participou o Dr. Pablo Codesido, médico adxunto do Servizo de Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica da Área Sanitaria da Coruña e Cee, e doutros profesionais do CHUAC que colaboran activamente neste proxecto para avaliar o comportamento das lentes intelixentes e os seus diferentes modos de interacción: mediante xestos, mirada, voz, inclinación da cabeza ou combinación destes. O obxectivo é identificar as formas de control que resulten máis rápidas, ergonómicas e seguras nunha contorna cirúrxica onde a concentración e a precisión son críticas.
“Desde o Servizo de Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica do CHUAC e a Unidade de Xeonllo colaboramos coa investigación e apostamos polas tecnoloxías de vangarda aplicadas á saúde —como a robótica, a intelixencia artificial e as interfaces virtuais— porque poden axudar a mellorar a calidade da atención aos nosos pacientes. Que estes avances permitan acceder a información crítica sen interromper o fluxo da intervención pode marcar unha gran diferenza nun quirófano, onde cada segundo e cada decisión contan”, sinala o Dr. Codesido.
Esta actividade continúa o traballo experimental iniciado o pasado 9 de xullo na Área Sanitaria de Ferrol, onde tamén participaron especialistas do ámbito cirúrxico en colaboración coa Dra. Laura Ameneiro. A diferenza doutras aproximacións máis teóricas, este proxecto céntrase en validar a tecnoloxía no seu contexto real, incorporando a experiencia directa dos profesionais para adaptar as interfaces ás necesidades do quirófano.
“A realidade aumentada ten un gran potencial para revolucionar a cirurxía moderna, pero o seu éxito dependerá de deseñar interfaces que permitan unha interacción natural, rápida e eficiente. A participación dos profesionais sanitarios é fundamental para mellorar estas solucións tecnolóxicas”, explican desde o CITENI.





Deja un comentario