O II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024, promovido pola Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, xa ten gañadora. Julia Abalde alzouse co galardón grazas á súa obra La ilusión. O premio consta dunha dotación económica de 1.250 € e un trofeo personalizado a man polo artista Luis Yang (gañador da primeira edición do certame). O xurado especializado do certame, integrado polos profesionais Bea Lema, Luis Yang e Sira González decidiu outorgarlle, tamén, o accésit con diploma, cunha dotación de 350 €, a Brais Rodríguez, pola súa obra Enxoval.

Este II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024-2025 recibiu un total de 50 proxectos. Na rolda final de clasificados foron tamén seleccionados os fanzines Tales from the Wispering Realm, de Anabel Colazo; Foresta, de Eloy Hermida; e La balada del Príncipe Zarzaparrilla, de Paz Rodríguez.
A entrega do premio terá lugar o venres 15 de agosto no Circo de Artesáns da Coruña, no marco das actividades da edición de verán de 2025 do Festival de autoedición e BD Autobán. Ademais, o público poderá ver e ler todas as obras presentadas a concurso –un total de 50– na mostra ‘Expofanzines Autobán’ no marco do festival Viñetas desde o Atlántico 2025, do 11 de agosto ao 21 de setembro, na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña.
O II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024-2025, promovido pola Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, recolle a participación de todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 15 de maio de 2024 e o 15 de maio de 2025, cun máximo de 3 obras por participante, sempre que o/a autor/a ou a maioría dos/as compoñentes do colectivo fosen de orixe galega ou estiveran fincados/as en Galicia. O tema, a técnica, o formato e o deseño do fanzine eran libres. A información completa pode consultarse en: https://www.autoban.gal/premio25.





Deja un comentario