A XII edición de Os Xoves de Códax chegou ao seu final cunha velada íntima e profundamente emocional protagonizada por La Bien Querida e Anxo Araújo. O concerto, celebrado na terraza de Bodegas Martín Códax en Cambados, ofreceu unha noite de sonoridades coidadas, letras honestas e conexión co público. A cita destinou a súa recadación íntegra ao proxecto DisCamino, que traballa por facer accesible o Camiño de Santiago a persoas con discapacidade.

Con este concerto, Os Xoves de Códax puxo o broche final a un verán de música e solidariedade. Ao longo de catro xornadas, o ciclo reuniu artistas de primeira liña e apoiou causas sociais con impacto real en Galicia. Desde a súa creación, este ciclo leva recadados máis de 270.000 euros, mantendo o seu compromiso coa cultura e coa nosa contorna.

“O ciclo remata, pero o seu impacto continúa. Cada entrada é unha semente de cambio. Esta última noite foi un exemplo perfecto do que queremos ofrecer: emoción, calidade artística e solidariedade”, sinala o equipo de Bodegas Martín Códax.

No escenario, o artista galego Anxo Araújo que ofreceu unha velada cun directo envolvente, no que a electrónica e a raíz galega se fusionaron con naturalidade. Letras poéticas, coidada produción e unha posta en escena delicada deron lugar a unha experiencia sonora contemporánea e fondamente identitaria. A súa actuación foi unha mostra da forza e da diversidade da nova música galega.

Tamén La Bien Querida, proxecto musical de Ana Fernández-Villaverde, pechou a noite cun concerto íntimo, cargado de sensibilidade. A súa proposta, que transita entre o pop alternativo, a electrónica e a canción de autora, conquistou ao público cun repertorio que combinou temas recentes con cancións xa icónicas. A súa voz e as súas letras, marcadas pola honestidade, deron forma a un peche de edición cheo de beleza e contención.

A recadación deste concerto destinouse a apoiar o traballo de DisCamino, unha iniciativa que promove a accesibilidade no Camiño de Santiago para persoas con discapacidade física, sensorial ou intelectual. A través de bicicletas adaptadas, voluntarios e un modelo baseado na inclusión e o respecto, DisCamino fai posible que todas as persoas poidan vivir a experiencia transformadora de percorrer o Camiño. A axuda recadada permitirá financiar novas rutas, equipamento técnico e apoio loxístico para as expedicións.

Deja un comentario

Más noticias….