O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal da Coruña, José Manuel Lage, mantivo unha reunión coa directiva da Asociación Empresarial de Hospedaje de A Coruña (Hospeco), na que se informou da folla de ruta formulada polo Concello para implantar proximamente a taxa turística, unha recarga municipal sobre o imposto autonómico ás estadías turísticas.
Neste sentido, a previsión é que entre en vigor o luns 29 de setembro, coincidindo precisamente coa finalización da tempada estival.
“Desta forma, tentamos darlle todas as facilidades posibles ao tecido hostaleiro da Coruña nesta transición inicial cara á implantación da taxa, que entendemos necesaria porque o turismo está a incrementarse de forma sostida e iso xera un impacto real nos barrios e nos servizos municipais: limpeza, recollida de residuos ou mantemento do espazo público”, explicou Lage.
A taxa busca corrixir este desequilibrio e facer que quen utiliza eses servizos, aínda que sexa temporalmente, contribúa minimamente ao seu sostemento. Por iso, o 100 % do recadado reverterase en melloras nos servizos públicos da Coruña. “A taxa turística non é para frear o turismo senón para facelo sostible sen que o custo o asuman só os coruñeses e as coruñesas”, agregou Lage, quen recordou que o Concello está a aplicar na cidade a lexislación sectorial aprobada pola Xunta.

Todas as persoas visitantes terán a obriga de aboar a taxa (salvo as exencións recollidas), tamén aquelas que se aloxen en vivendas turísticas. Os establecementos aboarán a taxa a través dunha plataforma dixital mediante dúas autoliquidacións anuais: entre o 1 e o 20 de xullo aboaranse as taxas correspondentes ao primeiro semestre, e entre o 1 e o 20 de xaneiro, as correspondentes ao segundo semestre do ano.
A taxa inclúe exencións específicas. É dicir, a normativa estipula casos nos que a recarga non se aplicará. Por exemplo, para menores de idade non emancipados, persoas cunha discapacidade superior ao 65 %, deportistas federados/as en competición oficial, estadías por motivos médicos, persoas acollidas a programas sociais da UE ou estadías motivadas por obras na vivenda habitual. No caso dos cruceiros, estarán exentos da taxa ata o ano 2026. Lage destacou que o Concello inclúe
ademais unha exención específica para o turismo de congresos, un sector que leva anos crecendo, promovido desde o Concello con importantes investimentos.
As persoas susceptibles de solicitar estas exencións poderán facelo directamente no establecemento hostaleiro no que se aloxen, cubrindo un formulario específico que o Concello distribuirá entre as asociacións e agrupacións do sector na Coruña.
A taxa turística non grava os establecementos hostaleiros, senón as persoas visitantes, con cantidades moi pequenas que contribúen a mellorar os servizos públicos, mais que non supoñen ningunha traba para o turismo, como se amosou noutras cidades onde leva anos implantada. O concelleiro recordou que A Coruña propón unha taxa que é case a metade da que está en vigor en Barcelona, onde o turismo segue a subir desde a súa implantación.
A pesar de que Santiago de Compostela foi a primeira cidade galega en dar luz verde a esta medida, a presión da hostelería logrou retrasar a sua implantación ata o 1 de outubro desoíndo as voces dos cidadáns que se queixan dos problemas de convivencia ocasionados polo turismo descontrolado na cidade Patrimonio da Humanidade, que son cada vez mais habituais.





Deja un comentario