A produtora compostelá WORK ON SUNDAY presentará no mes de setembro o seu novo proxecto de investigación e creación sonora, titulado Amplificando a memoria. A iniciativa, que combina memoria tecnolóxica, creación artística, reflexión social e participación cidadá, poderase coñecer do 11 ao 14 de setembro na Sede Afundación, en paralelo á celebración da oitava edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia.

Amplificando a memoria agroma para poñer en valor un obxecto tecnolóxico singular e prácticamente esquecido: o Organsound, o alfofalante galego deseñado en 1972 polos irmáns composteláns Portela Seijo, e que toma como referencia a potencia e a riqueza sonora dos órganos de tubos. O proxecto de WORK ON SUNDAY propón dar voz, presenza e actualidade do patrimonio sonoro galego desde unha perspectiva accesible, crítica e interxeracional. Así, alén da recuperación técnica destes altofalantes, a iniciativa  “quere facer audibles as historias, os sons e as emocións que nos conectan como sociedade e situar ás novas xeracións no centro da preservación e actualización do noso acervo cultural”, segundo explica a directora do proxecto, Acacia Ojea. 

“Amplificar non só alude ao dispositivo técnico, ao altofalante, senón tamén á acción simbólica de ampliar a nosa capacidade de escoitar, lembrar, sentir e comprender, e de poder transmitir este patrimonio á xente nova, activando a escoita consciente, con tempo, como ferramenta de coñecemento, reflexión e encontro”, sinala Ojea. 

A iniciativa, que combina dun xeito integral arte, tecnoloxía, educación e reflexión social, culmina nunha instalación sonora -elaborada polo artista galego multidisciplinar Xoán-Xil López- aberta ao público, nun panel de pensamento -que permitirá contextualizar o papel do Organsound no ámbito do patrimonio sonoro e da innovación acústica- e nunha tríade de sesións de escoita colectivas que estarán comisariadas por selectores locais e internacionais.  

“Vivimos nun tempo de hiperestimulación constante, no que a escoita atenta -emocional, crítica, compartida- está cada vez menos presente. Recuperar o Organsound, un aparello dos anos 70 que simboliza unha forma de escoitar máis conectada co corpo, co espazo e co momento, deunos pé a reflexionar sobre qué pasaría se o puxésemos de novo en funcionamento, mais non só como obxecto, senón como dispositivo de activación da memoria, da emoción e da reflexión colectiva”, apunta Acacia Ojea.

O resultado da intersección entre a investigación histórica e tecnolóxica, a creación artística contemporánea, do interese por preservar o patrimonio sonoro galego e de tender pontes entre xeracións é Amplificando a memoria, iniciativa que o público poderá descubrir a partir do xoves 11 de setembro en Santiago de Compostela, e que conta co apoio da Deputación da Coruña a través da Área de Cultura -no marco da convocatoria ‘Fondo de apoio a proxectos singulares de mellora social’-, do Concello de Santiago a través da Concellería de Mocidade, da Universidade de Santiago de Compostela e d’Afundación. 

Deja un comentario

Más noticias….