O porto da cidade herculina volverá converterse nun epicentro da creación contemporánea coa chegada da quinta edición de Noites do Porto, que se celebrará do 23 de setembro ao 2 de outubro. O festival, que xa é unha cita consolidada no calendario cultural galego, presenta este ano un cartel ambicioso e multidisciplinar que reforza a súa conexión coa cidade a través da música e das artes plásticas, buscando ser referente de creación artística, tanto musical como plástica”.

Como xa contamos, entre os nomes máis destacados do cartel figura La Casa Azul, que ofrecerá o único concerto en Galicia do seu 25º aniversario o 27 de setembro no Muelle da Batería. A mesma noite renderase homenaxe ao histórico Bristol Bar, polo seu 30º aniversario como referente da escena independente. A sesión abrirase cun set especial de Juligan (alter ego de Julián Saldarriaga, de Love of Lesbian).

A programación inclúe actuacións de artistas recoñecidos como The Lemonheads (con entradas xa esgotadas), Ana Curra, Ilegales, Israel Fernández, Deadletter —con teloneiros vigueses Fantasmage—, Yazz Ahmed, Sho-Hai, Michelle David & The True-Tones, Jasmine Myra ou The Gruesomes. Tamén haberá representación da escena local con bandas como Moura e Océano Eskizo.

A aposta pola interdisciplinariedade é outro dos sinais de identidade do festival. A cápsula Noites coa Arte reunirá obras de artistas plásticos coruñeses como Álvaro Dorda, Héctor Francesch, Jorge Taboada, Julia Lago, Vítor Mejuto, entre outros, que reinterpretarán os carteis de cada xornada. A artista Iria do Castelo asina o cartel xeral desta edición. As obras estarán expostas en Ummagumma ata o 5 de outubro.

O programa expándese ademais aos espazos urbanos coa iniciativa Noites nos Bares, que levará sesións de DJs e selectores a diferentes salas e locais da cidade. Participarán nomes como Callum Brown, Ryan Scott, Vanne Vamp, Ángel Snap, Txetxu el Tigre, Gulya ou Los Bundy, entre outros.

Noites do Porto reafírmase así como unha das grandes citas culturais do outono, ofrecendo unha experiencia única que mestura rock, punk, grunge, jazz, soul, hip-hop, indie ou flamenco, e integrando o porto e os espazos culturais da cidade nun relato contemporáneo de vangarda e identidade local.

As entradas están dispoñibles nas plataformas Ataquilla e Ticketmaster, e os medios colaboradores como SER Radio Coruña ou Mondo Sonoro contribúen á difusión dun evento que, en palabras de Castro, “achega á cidadanía unha experiencia única, vinculando o porto e os espazos culturais da Coruña co mellor da música e da creación contemporánea”.

Deja un comentario

Más noticias….