O obradoiro de emprego dual Terras de Lengüelle chegou ao seu fin. Unha iniciativa que involucra os concellos de Trazo, Cerceda, Oroso e Tordoia e que dotou de cualificación profesional as 20 persoas participantes, ao tempo que desenvolveron un traballo remunerado en actividades de utilidade pública ou interese social. Neste caso, a metade optaron pola modalidade de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e a outra metade pola de actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería.

Beneficiándose da fórmula conxunta de formación e traballo remunerado, a metade
das 20 persoas implicadas participaron na modalidade de conservación e mellora de
montes e a outra metade na de viveiros, xardíns e centros de xardinería


Así, ao longo de nove meses, estas persoas non só se formaron e foron remuneradas polo traballo realizado senón que as tarefas que levaron a cabo beneficiaron os seus respectivos concellos. En concreto, en Trazo incidiron no mantemento do xardín da Casa Consistorial, da praza do centro médico, da contorna da piscina municipal e da escola de Berreo. Na mesma parroquia de Berreo, levaron a cabo unha plantación na contorna do local social e desenvolveron labores de mantemento na súa área de lecer, ao igual que nas áreas da Castiñeira, Castelo, Viaño Grande, Oa e Chaián e na carballeira de Benza.


No caso de Tordoia, realizaron labores de mantemento do antigo campo de fútbol de Viladabade e da contorna da escola desa parroquia, ademais de traballar na área da escola de Belvís, nas áreas recreativas da Folgueira e O Empalme, no antigo campo de fútbol de Gorgullos, na área da piscina municipal de Tordoia e na área de Pedra Longa. Así mesmo, rozaron, limparon e reforestaron a Braña da Fonte e a Chousa Vella.

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou
no acto de clausura do obradoiro que involucra os concellos de Trazo, Cerceda,
Oroso e Tordoia, ao que o Goberno galego destinou 412.000 euros


Xa en Cerceda, centráronse en labores de mantemento do paseo fluvial do Acebedo e do xardín botánico. Por último, en Oroso, traballaron nos parques das escolas unitarias de Deixebre, Senra, Vilacide e Trasmonte, entre outras. Tamén nas áreas recreativas da Garabanxa e Penateixa, no parque do Carboeiro ou no local social de Trasmonte.
Dentro destes obradoiros duais, o Goberno galego subvenciona os gastos da posta en marcha e desenvolvemento do taller e dos custos de contratación das persoas participantes, priorizando a atención ás persoas con especiais dificultades de inserción, entre elas emigrantes retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero e as persoas con diversidade funcional. Así mesmo, ponse o foco nos servizos sociais e comunitarios, na formación forestal ou na recuperación do patrimonio artístico, histórico cultural ou natural, entre outros.

Deja un comentario

Más noticias….