O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e Vegalsa-Eroski lanzan a campaña “Galicia Alimentación 2025: Innovación & Excelencia”, unha iniciativa que achega aos consumidores galegos unha selección dos produtos máis destacados do sector, recoñecidos polos Premios Galicia Alimentación de Clusaga para poñer en valor a innovación e a calidade das empresas alimentarias galegas.

O acto de presentación no hipermercado Eroski A Sionlla en Santiago de Compostela contou coa participación de representantes de ambas entidades. Por parte de Clusaga asistiron Juanjo de la Cerda, CEO, e Roberto Alonso, director; mentres que en representación de Vegalsa-Eroski estiveron presentes Florentino Vázquez, director de negocio Eroski, e Jorge Eiroa, director de compras

A iniciativa tivo como punto de partida a celebración dos Premios Galicia Alimentación 2025, que tiveron lugar o pasado 26 de xuño na Cidade da Cultura, e nos que se deron a coñecer as empresas gañadoras e finalistas nas categorías de produto innovador e produto excelente, ademais de recoñecer as iniciativas máis destacadas do sector. Agora, unha selección destes produtos terá un lugar destacado en máis de vinte establecementos Eroski do grupo Vegalsa-Eroski, onde poderán atoparse como protagonistas dunha campaña que pon en valor tanto a súa excelencia como o seu carácter innovador.
Coincidindo con esta acción, Clusaga lanza tamén un selo oficial de recoñecemento que poderán usar as marcas finalistas e gañadoras do certame. Este selo permitirá aos consumidores identificar de forma inmediata os produtos distinguidos polos Premios Galicia Alimentación 2025, reforzando a confianza e o prestixio das empresas galegas no mercado.

Innovación e excelencia no lineal
Durante todo o mes de setembro, os consumidores terán a oportunidade de descubrir produtos que van desde clásicos dos lineais de supermercado ata propostas gourmet, normalmente reservadas a tendas especializadas. Entre os gañadores destacan a xenebra ecolóxica ADA Berries, recoñecida pola súa calidade excepcional, así como a granola BIO Easy Nola de Lenatt e as Perlas de Vinagre de Vinagres do Ribeiro, premiadas pola súa innovación e creatividade.

Perlas de Vinagre de Vinagres do Ribeiro


Entre os finalistas, reaparece Pazo de Valdomiño, desta vez co seu licor de herbas aromáticas, xunto con produtos como o vermú Povarelo, o viño branco sen alcohol Marieta Sin de Martín Códax, o kéfir café de Casa Grande de Xanceda, a castaña con chocolate de Cuevas, o xeado de queixo de Arzúa con marmelo de Bico de Xeado, o iogur xeado para mascotas de YowUp!, o pastrami artesanal de vacún de Montepicato e as Conservas Fusión de Friscos, todos eles exemplos da diversidade e creatividade do sector alimentario galego.

Sorteo de produtos participantes na campaña
Como parte das accións vinculadas á campaña, os clientes dos establecementos Vegalsa-Eroski teñen a oportunidade de entrar no sorteo de cinco lotes exclusivos que inclúen todos os produtos destacados.
A participación é sinxela: abonda con mercar algún dos artigos da promoción identificados en lineal, escanear o código QR dispoñible na cartelería das tendas e cubrir o formulario en liña, incorporando a imaxe do ticket de compra como comprobante. O sorteo realizarase de maneira aleatoria a través da plataforma Easypromos e os gañadores recibirán o seu lote no establecemento de referencia.

Unha alianza que pon en valor o sector alimentario galego
A través desta colaboración, Clusaga e Vegalsa-Eroski suman esforzos para reforzar a identidade gastronómica galega, consolidando un ecosistema alimentario dinámico, innovador e distintivo. Esta iniciativa sitúa a Galicia como referente na produción de alimentos de alta calidade, recoñecidos tanto a nivel nacional como internacional, e contribúe a proxectar o talento, a creatividade e a excelencia do sector galego ante consumidores e mercados.

kefir cafe casa grande xanceda

Deja un comentario

Más noticias….