A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebra mañá mércores, 17 de setembro, o acto de ingreso do arquitecto británico David Chipperfield como académico correspondente da sección de Ciencias Técnicas da institución. Será no compostelán Pazo de San Roque, ás 18:30 horas. O arquitecto pronunciará o seu discurso co título “Common Ground” (“Territorio común”). O encargado de realizar a laudatio será o académico Pedro Merino, catedrático emérito de Ciencia dos Materiais e Enxeñaría Metalúrxica da Universidade de Vigo.

O presidente da RAGC, Juan Lema, abrirá o acto, ao que asistirán outros académicos; o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González; a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), Eduardo López; a vicerreitora de Política Científica da Universidade de Santiago, Pilar Bermejo; o vicerreitor de Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Jerónimo Puertas; o presidente do Grupo Gadisa, Roberto Tojeiro -patrono da Fundación RIA- e o director da Fundación RIA, Manuel Rodríguez; o decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Luciano Alfaya; o presidente da delegación de Santiago do COAG, Ángel Cid; e o presidente da delegación de Pontevedra do COAG, Anselmo Villanueva; xunto a diversos representantes de institucións políticas, culturais, científicas e académicas galegas, familiares e amigos do homenaxeado.

Un arquitecto moi laureado -Premio Pritzker 2023-, con obras por todo o mundo e unha profunda relación con Galicia
O británico Sir David A. Chipperfield (Londres, 1953) é unha das figuras máis eminentes e prestixiosas da arquitectura contemporánea. Foi profesor de deseño en diferentes escolas de arquitectura do Reino Unido e profesor convidado en varias universidades europeas e estadounidenses. Ao longo da súa traxectoria desenvolveu o seu labor en edificación e urbanismo, así como en deseño de mobles e interiores.

É membro do Royal Institute of British Architects (RIBA) e membro honorario tanto do American Institute of Architects como do Bund Deutscher Architekten. Entre os galardóns que ten recibido destaca a Orde ao Mérito da República Federal de Alemaña (2009) e o título de “Cabaleiro” por servizos á arquitectura no Reino Unido e Alemaña (2010).

Recibiu a Medalla Real de Ouro de Arquitectura do RIBA (2011) e o Praemium Imperiale da Asociación de Arte de Xapón (2013), outorgados en recoñecemento a toda unha vida de traballo. Foi nomeado membro da Orde dos Compañeiros de Honra do Reino Unido en 2021, Comendador da Orde de Isabel la Católica e membro da Orde Pour le Mérite für Wissenschaften und Künste de Alemaña en 2022 polos seus servizos á arquitectura a nivel internacional. En 2023 foi laureado co Premio Pritzker de Arquitectura.

Entre as súas obras e proxectos máis relevantes destaca a reforma de varias salas da Royal Academy of Arts de Londres ou a proxección da Torre Bryant en Nova York. En Xapón proxectou a sede da corporación Matsumoto en Okayama, o Museo Gotoh de Tokio e a sede de Toyota Auto en Kioto. En Alemaña levou a cabo a reconstrución do Neues Museum de Berlín, deseñou o Plan Xeral de Vivendas de Maselakekanal en Berlín, o Museo de Literatura Moderna ou o edificio de oficinas Kaiserstrasse de Düsseldorf, entre outros. En Corea do Sur realizou a nova sede de Amorepacific en Seúl.

En China deseñou o Liangzhu Museum en Hangzhou, o Museo de Historia Natural de Zhejiang e a Biblioteca Zikawey de Shanghái. Entre as obras que proxectou en España, atópase a Ciudad de la Justicia de Barcelona e o Pabellón Copa de América en Valencia. Logo de 30 anos de sólida conexión persoal con Galicia -ten a súa residencia de verán en Corrubedo-, David Chipperfield creou en 2017 en Santiago de Compostela a Fundación RIA, unha entidade sen ánimo de lucro que traballa polo desenvolvemento económico, ambiental e cultural en Galicia. Céntrase na planificación territorial estratéxica, conectando os desafíos globais de sustentabilidade co contexto local.

Deja un comentario

Más noticias….