Con máis de 100 filmes de 17 países, Intersección 2025 converterá A Coruña nun escaparate internacional das novas linguaxes do cinema. O festival trae 17 filmes inéditos en España, incluíndo 7 estreas mundiais que o público descubrirá por primeira vez na cidade.

A programación destaca pola pluralidade de enfoques e polo peso das cineastas, que asinan un 57% das obras seleccionadas. Desde Finlandia ata Filipinas, pasando por Brasil, Austria, Francia ou Turquía, as películas que chegan este outono á Coruña ofrecen unha oportunidade única para descubrir miradas e sensibilidades que dificilmente atoparán espazo noutros circuítos. A programación de Intersección 2025, que se celebrará do 26 de setembro ao 4 de outubro, desenvolverase en espazos clave da cidade como Cantones Cines, Filmoteca de Galicia, Fundación Luis Seoane e Palexco.

Internacional, Galicia e Fulgor, as seccións competitivas de Intersección, ofrecen ao público da Coruña obras que marcan o pulso das tendencias actuais do cinema contemporáneo tanto internacional como galego. É unha oportunidade de vivir o cinema dunha maneira diferente, descubrindo películas que dificilmente atoparán lugar nas plataformas ou nos circuítos comerciais.

A Sección Internacional ofrece unha viaxe polas grandes preguntas do presente a través de linguaxes radicais e inesperadas. Un mosaico de obras que cuestionan a nosa relación coa política, a tecnoloxía e a identidade que inclúen chamativos filmes rodados en formato de videoxogos -World at Stake (Total Refusal, Austria)-, retratos da desigualdade en cidades como Johannesburgo -Fear Fokol (Tuva Björk, Suecia)-, ou Bomba Bernal (Khavn, Filipinas), unha inmersión no cinema erótico filipino.

A Sección Galicia presenta unha panorámica ampla da creación audiovisual galega contemporánea, con once filmes que viaxan da memoria íntima á mitoloxía, da exploración ecolóxica ás identidades disidentes. Propostas que van desde a infancia retratada en Deuses de Pedra ata a lenda medieval en Maldito Espírito, pasando pola experimentación poética de Canto rodado ou a reflexión ecolóxica de Alboroque. A sección complétase cun formato expositivo que leva estas preocupacións fóra da sala, con instalacións que abordan cuestións como a relación natureza-industria, a memoria, a hibridación tecnolóxica ou a fisicidade da imaxe.

Fulgor é a sección de dedicada ás voces máis novas e ás propostas que anuncian os camiños do cinema que está por vir. Nesta edición reúne once obras que exploran a memoria, o corpo e a intimidade.

Intersección 2025 acollerá tamén a retrospectiva máis completa de Travis & Erin Wilkerson, incluíndo a estrea mundial da exposición expandida Nuclear Family: Fieldwork, inicialmente ideada para a Bienal de Venecia 2020. A Fundación Luis Seoane albergará ademais Todo o que herdamos, unha mostra comisariada por Sara Donoso que reúne unha nova xeración de artistas galegos en diálogo co traballo dos Wilkerson. A exposición poderase visitar na Fundación Luis Seoane dende o 26 de setembro ao 19 de outubro.

No ámbito profesional, o festival proxéctase como un espazo central para o sector audiovisual, reunindo cineastas, produtoras e escolas de cinema de distintos países. NEXUS, o espazo de industria do festival, consolidouse nesta edición con máis dun centenar de profesionais internacionais interesados e un total de 13 proxectos seleccionados. Estruturado en dúas liñas complementarias, Intersección Lab ofrece titorías especializadas a creadoras e creadores galegos en fase de desenvolvemento, mentres que Foro impulsa coproducións internacionais con cineastas e produtoras vinculadas a Galicia.

Unha novidade nesta edición de Intersección será World Film School Meeting, que traerá á Coruña estudantes e docentes de escolas de cinema de distintos países para compartir proxeccións, diálogos e experiencia profesional. Con estas iniciativas, INTERSECCIÓN reafirma o seu compromiso coa proxección do talento local e abre á cidade un diálogo directo co sistema audiovisual internacional, situando A Coruña como un lugar clave para pensar e construír o cinema contemporáneo.

Deja un comentario

Más noticias….