O teatro e a fantasía volven tomar protagonismo este domingo 21 de setembro no Centro Sociocultural de Tenorio, grazas á chegada do espectáculo «Os fabulosos cleaners», da recoñecida compañía galega Malasombra. A función, pensada para todos os públicos, dará comezo ás 19:00 horas e promete unha experiencia visual única con pompas de xabón como protagonistas.
A cita enmárcase no ciclo cultural +Escénicas, que achega propostas de teatro e danza a concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra. Nesta ocasión, o público de Cerdedo-Cotobade poderá gozar dun espectáculo cheo de humor, maxia e cor, ideal para compartir en familia.
«Os fabulosos cleaners» está dirixido por Marcos Orsi e Xoque Carbajal, quen tamén forma parte do elenco xunto a Jouse García. A historia conta como dous operarios de limpeza descobren por casualidade o poder lúdico e poético das súas ferramentas de traballo ao combinalas con auga e xabón, dando lugar a un universo de pompas sorprendentes: pequenas, grandes, con fume ou vapor, flotando ou estáticas, sempre fascinantes.
Esta segunda edición do circuíto +Escénicas conta cunha ampla programación que levará 136 funcións a 50 concellos da provincia ata marzo de 2026, consolidándose como unha iniciativa clave para dinamizar a oferta escénica nos territorios rurais.





Deja un comentario