O audiovisual galego ocupa por terceiro ano consecutivo unha sección específica no 21st London Spanish Film Festival (LSFF) que permitirá a proxección na capital británica dos filmes +Cuñados, Antes de Nós e unha escolma de curtametraxes de novísima factura. Os días 23 e 24 de setembro concentrarán a actividade da sección Letters from Galicia que incluirá tamén varios eventos presenciais. Esta sección está organizada polo Galician Film Forum (GFF) e finánciase en virtude da colaboración establecida entre o ICAA e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia. Conta, ademais, co apoio da adega Méndez-Rojo e Abanca.

O LSFF, que celebra 21 anos de vida, é dun dos festivais de cinema español máis importantes do Reino Unido e alberga desde hai tempo seccións diferenciadas doutras comunidades, algunhas delas tan veteranas como a catalá e a vasca con 17 e 16 anos de vida, respectivamente. O espazo galego, con tres edicións, estase a consolidar como un escaparate internacional do cinema máis recente do país e este ano aposta por unha programación diversa que arrancará coa estrea no Reino Unido da comedia +Cuñados o 23 de setembro, ás 18:15 horas no Ciné Lumière. Logo da proxección comezará un coloquio co director, Luis Avilés, que será moderado por Adriana Páramo, cineasta e representante do Galician Film Forum

Antes de Nós

Tamén ese día e no mesmo lugar, pero ás 20:30 horas, será a quenda de Short Letters from Galicia, unha sesión de curtametraxes galegas que estará integrada polos títulos Resonancias (Diana Gonçalves, 2025), Abellón (Fon Cortizo, 2024), Eu vou comigo (Chelo Loureiro, 2024) e Curmán (Alejandro Jato, 2025). Un chisco antes desta sesión, ás 20:00 horas, haberá un brinde cortesía da adega Méndez-Rojo.

O mércores 24, ás 20:15 horas, no Riverside Studios será a estrea británica do filme Antes de Nós dirixido por Ángeles Huerta. Ao rematar está previsto un encontro co actor Xoan Fórneas que tamén será moderado por Adriana Páramo.

O GFF: unha década a prol do cinema galego

Detrás de Letters from Galicia atópase o Galician Film Forum (GFF), un colectivo que este ano celebra o seu décimo aniversario. O GFF naceu no 2015 no seo dun grupo de galegos emigrados a Londres co obxectivo de crear un espazo para a difusión do cinema galego na capital británica. En palabras de Adriana Páramo, “este aniversario é unha proba da madurez do proxecto e supón unha ocasión perfecta para seguir fortalecendo a presenza do cinema galego no Reino Unido”. E salienta o feito de que “Letters from Galicia opera como unha fiestra do talento diverso e das novas xeracións de creadoras e creadores que proxectan a nosa cultura e a nosa identidade ao mundo”.

Deja un comentario

Más noticias….