A Universidade da Coruña integrará unha nova Doutora Honoris Causa ao seu cadro honorífico. Será o vindeiro venres, día 3 de outubro ás 12:00 horas, no Paraninfo da Reitoría da UDC, cando teña lugar o solemne acto no que María Emilia Casas Baamonde sexa investida con este recoñecemento e se converta na trixésimo primeira Honoris Causa da institución coruñesa.
O acto será presidido polo reitor, Ricardo Cao, e contará co catedrático da UD Jesús F. Martínez Girón como padriño. A homenaxeada pronunciará o seu discurso baixo o título “O valor do dereito comparado e os valores fundamentais do dereito da UE”.
O nomeamento de Casas Baamonde foi ratificado polo Claustro da Universidade da Coruña o pasado 29 de outubro de 2024, baixo proposta do Departamento de Dereito Público.
María Emilia Casas Baamonde, primeira muller presidenta do Tribunal Constitucional
Emilia Casas foi a primeira muller catedrática de Dereito do Traballo e Seguridade Social do país, sendo o Dereito Laboral un dos seus principais ámbitos de traballo do que é, ademais, unha das maiores expertas de España.
En 1998, ingresou como maxistrada no Tribunal Constitucional e en 2004 foi a primeira muller en presidir este Alto Tribunal (2004-2010). Pioneira tamén en aplicar a perspectiva de xénero ao dereito, como catedrática de Dereito do Traballo, durante a súa presidencia o Tribunal Constitucional consolidou a tutela antidiscriminatoria por razón de xénero nas súas múltiples vertentes e reforzou a protección das traballadoras embarazadas, á vez que atribuíu dimensión constitucional a todas aquelas medidas tendentes a facilitar a conciliación da vida laboral e familiar dos traballadores.
Casas avalou tamén a constitucionalidade da Lei Integral contra a Violencia de Xénero, da que este ano se cumpre o seu vixésimo aniversario, recoñecendo as características específicas deste fenómeno criminal, as necesidades de protección da vítima e o maior reproche social das agresións contra a esposa ou parella.





Deja un comentario