O IX Encontro de Academias de Cine e Audiovisual da Península, celebrado en Ourense entre o 30 de setembro e o 2 de outubro e organizado pola Academia Galega do Audiovisual, presentou os novos Lugares de Interese Cinematográfico (LIC), unha iniciativa conxunta das academias participantes que recoñece espazos singulares polo seu valor patrimonial, histórico e simbólico no audiovisual.
As academias participantes foron a Academia de Cine de Andalucía, a Academia del Cine Aragonés, a Academia del Cine Asturiano, a Academia del Cinema Catalá, a Academia de Cine de Extremadura, a Academia Galega do Audiovisual, a Academia Portuguesa de Cinema e a Academia Valenciana de l´Audiovisual.
Entre os oito novos lugares incorporados en 2025, destaca a proposta galega, Laxe. A vila mariñeira situada no corazón da Costa da Morte ocupa un lugar central no imaxinario audiovisual galego ao ser o escenario principal da histórica serie Mareas Vivas, un dos maiores fenómenos televisivos en Galicia nos anos 2000. As súas rúas, o porto, a praia e a vida cotiá da súa xente convertéronse nun plató recoñecible e entrañable que conectou a realidade da costa coa ficción, deixando unha pegada fonda na memoria colectiva. O alcalde de Laxe, Francisco Charlín, acudiu a Ourense para recoller a placa de distinción como LIC Galicia 2025 e agradeceu a distinción á Academia e á veciñanza, «que sempre abriu as portas e acompañou ás producións que decidiron filmar na vila».
Xunto a Laxe, o mapa de lugares recoñecidos amplíase con sete novas incorporacións. En Andalucía, a Alhambra de Granada, monumento Patrimonio da Humanidade e símbolo cultural universal, acolleu rodaxes como Isabel, Carlos Rey Emperador ou Tadeo Jones 2. Desde Aragón súmase a Rambla da Barrachina, os coñecidos Cañóns Vermellos, un plató natural de espectacular paisaxe que xa serviu de escenario a filmes como Sirat, de Oliver Laxe, anuncios internacionais con Johnny Depp ou videoclips dos Chemical Brothers.
En Asturias incorpórase a Cuenca Minera, cun patrimonio industrial único ligado á memoria do carbón e as loitas obreiras, presente en títulos como La Torre de Suso ou Infiesto. En Cataluña, o recoñecemento é para o antigo Hospital del Tórax de Terrassa, hoxe Parc Audiovisual de Catalunya, onde se rodaron producións como The Machinist, REC 4 ou Un monstruo viene a verme.
Extremadura suma Mérida, cidade co seu excepcional conxunto monumental romano que serviu de escenario a filmes como Los santos inocentes, El Hombre de Arena ou Gladiator II. Desde Portugal engádese a Serra da Estrela, o cumio máis alto do país continental, espazo natural de forza visual extraordinaria que inspirou desde Manoel de Oliveira ata producións internacionais como Linhas de Wellington, Damsel ou War. Finalmente, Valencia incorpora a Cidade das Artes e as Ciencias, emblema arquitectónico contemporáneo e escenario de producións como Tomorrowland, Doctor Who, Westworld ou Andor.
Ademais, as academias anunciaron que no próximo ano convidarán a dúas comunidades autónomas que non dispoñen de Academia de Cine propia a distinguir unha localización como LIC, ampliando así a diversidade territorial e cultural do proxecto.
Con estas novas incorporacións e perspectivas de crecemento, a rede de Lugares de Interese Cinematográfico continúa medrando e consolidándose como proxecto compartido polas academias da Península, co obxectivo de poñer en valor espazos que forman parte esencial da memoria audiovisual colectiva e reforzar os lazos de traballo entre as diferentes comunidades.
O encontro tamén serviu como espazo de reflexión e coordinación interna entre as academias, que aproveitaron a cita para compartir estratexias, intercambiar experiencias e definir liñas de colaboración futura, fortalecendo así a súa voz conxunta dentro do sector.





Deja un comentario