O Servizo de Rexistro, Documentación e Arquivo (SRDA) da Universidade da Coruña pon en marcha unha iniciativa para dar a coñecer de forma aberta e sinxela o patrimonio documental co que conta a institución coruñesa. O obxectivo é trasladar tanto á comunidade universitaria como á cidadanía o valor destes fondos (pergameos medievais, mapas antigos, primeiros expedientes de escolas como Náutica e Comercio).
Así, baixo o título “O Recuncho singular” lánzase unha exposición virtual que acolle nunha primeira fase 16 títulos, actualmente custodiados polo Centro de Documentación e Arquivo (CEDAR), a unidade especializada no tratamento e xestións destes fondos.
Mapa Gallaecia Regnum
Segundo os expertos, este mapa pertencería á obra «Atlas sive Cosmographicae Mediationes de Fabrica mundi et fabricati figura». Sería gravado por Gerard Mercator e publicado arredor do 1611 por Jodocus Hondius en Ámsterdam.
Trátase dunha das primeiras veces que Galicia aparece como un reino cartografado por si mesmo, o que reflicte tanto a súa relevancia xeográfica como a identidade histórica do territorio.
Carta executoria de fidalguía
Esta carta executoria orixinal en pergameo procede da «Sala de Hijosdalgo da Real Audiencia e Chancillería de Valladolid» e vai dirixida a Juan Alonso de Lapido, quen reclama a súa condición de fidalgo.
Durante o Antigo Réxime (s. XVI ao XVIII), moitas familias plebeas con recursos económicos tentaban probar que descendían de fidalgos para acceder a certos privilexios (exencións fiscais, dereito a portar armas, acceso a cargos eclesiásticos ou administrativos etc.). Por iso acudían aos tribunais con testemuñas e documentos e, se a causa era favorable, emitíase a correspondente carta executoria de fidalguía. As cartas expedíanse en pergameo miniado ou estampado e a súa validación realizábase co selo real en chumbo, suxeito ao documento con fíos de seda de cores.
Combat de la Corogne
Este debuxo é obra de Hippolyte Lecomte e foi gravado posteriormente por Aubert. Lecomte foi un pintor oficial do Imperio francés e realizou numerosas ilustracións de batallas e campañas napoleónicas. Moitas das súas obras foron reproducidas en gravados para o público xeral, como é o caso desta, titulada Combat de la Corogne.
O 16 de xaneiro de 1809 librouse en Elviña unha batalla da Guerra da Independencia española, que forma parte das guerras napoleónicas. Os estudosos cren que H. Lecomte puido acompañar ao exército de Napoleón nos combates que tiveron lugar nas inmediacións da Coruña.
Carta de Castelao
Esta carta de Castelao ao seu amigo Victoriano García Martí foi escrita polo ano 1908. Nela descúlpase por non ter feitas as ilustracións que lle encargou para a súa futura novela, probablemente «La sonrisa de un espíritu» (1911) e achégalle unha idea para ver se é do seu agrado.
Nesta etapa, Castelao está facendo debuxos para a exposición colectiva do Segundo e Terceiro Salón Nacional de Humoristas que vai ter lugar meses despois en Madrid.
Victoriano García Martí, nacido na Pobra do Caramiñal en 1881 foi un destacado escritor, ensaísta, sociólogo e avogado.
Carta náutica
Esta carta náutica foi creada ao redor de 1680 por Johannes van Keulen. Este editor e cartógrafo neerlandés estableceuse en Ámsterdam, onde obtivo unha patente para publicar cartas náuticas e atlas marítimos co apoio da poderosa e influínte VOC (Compañía Neerlandesa das Indias Orientais). A súa obra máis famosa é o atlas náutico Lichtende ZeeFakkel, publicado en 5 volumes entre 1681 e 1684 e ilustrado por Jan Luyken.
Recuento e Ynventario
Este «Recuento e Ynventario de vienes, muebles, alajas, libros, papeles y y mas… » data de 1812 e foi elaborado por José Antonio Suárez de Pazos para detallar a totalidade dos seus obxectos persoais, mobiliario, xoias, libros, roupa e outros bens de valor.
Tamén inclúe os haberes da súa muller Antonia Martina Dolores Salazar, xa falecida no momento da realización do inventario. Estes documentos son moi útiles, xa que proporcionan información valiosa sobre a riqueza, o estatus social e a vida cotiá das familias da época.
Colección de tarxetas postais
Este conxunto de 16 postais de comezos do século pasado dá unha idea de como era a cidade herculina hai máis de 100 anos. A colección inclúe tarxetas con imaxes da praia de Riazor, os Cantóns, os xardíns de Méndez Núñez, o peirao da Mariña, o Obelisco ou a Praza de Mina, entre outras. A Coruña a principios do século XX era unha cidade en transformación, mantíñase fiel ás súas raíces mariñeiras e comerciais, pero comezaba tamén a modernizarse e a medrar como un centro urbano.
A colección complétase cunha estampa de Ferrol, concretamente co peirao do Leste, contemporánea ás anteriores.
Expediente Casares Quiroga Santiago
Casares Quiroga (1884-1950) estudou na Escola de Náutica da Coruña durante o curso 1914/15. En concreto, cursou Alemán (1º e 2º), Mecánica aplicada e Lexislación Mercantil e acadou en todas elas a cualificación de sobresaínte. No seu expediente figuran, ademais da certificación oficial de estudos e da papeleta de matrícula, dúas cartas manuscritas dirixidas ao director da Escola.
Placas de vidro da Escola de Comercio
As placas de vidro son láminas fotográficas ou ilustradas, normalmente de formato 8,5×10 cm. ou 10×12 cm., que se empregaban como transparencias proxectadas con lanternas máxicas.
Foron moi relevantes no ensino desde finais do século XIX ata mediados do XX, ata que de xeito paulatino foron substituídas polas diapositivas en celuloide. Esta colección da Escola de Comercio consta de 342 placas de temática moi variada.
Litografía de Enrique Luard
Esta litografía titulada Vista de La Coruña. Tomada desde San Diego é obra do suízo Enrique Luard Falconier, quen se estableceu na Coruña en 1807, á idade de 21 anos. Luard foi ourive, comerciante, pintor, litógrafo, gravador, fotógrafo e reloxeiro. Era unha persoa moi interesada nos adiantos científicos e, de feito, dise que foi o introdutor do daguerrotipo na cidade.
Carta de Emilio Castelar
Emilio Castelar foi presidente do Goberno durante a I República, entre setembro de 1873 e xaneiro de 1874. O 3 de xaneiro de 1874, o xeneral Pavía deu un golpe de Estado e impuxo un novo Goberno, presidido polo xeneral Serrano. En decembro, restableceuse a monarquía e foi proclamado rei a Alfonso XII. Castelar viuse obrigado a se exiliar en París.
Esta carta escríbea desde a capital francesa. O seu destinatario semella ser Manuel Pedregal Cañedo, ministro de Facenda durante a I República e bo amigo seu. Nela trasládalle a súa preocupación pola situación política do país e confróntaa con pesar coa que se vive en Francia. Emilio Castelar é considerado como un dos oradores máis elocuentes e tamén como un dos grandes prosistas españois do século XIX.
Título de contador mercantil
Este documento foi expedido en 1911 pola Escola de Comercio da Coruña, creada en 1850 e que se considera a antecesora da actual Facultade de Economía e Empresa. O diploma constitúe unha reliquia, por canto documenta a existencia dunha titulación, a de contador mercantil, que deixou de se denominar así a comezos do século XX, en favor doutras denominacións como a de perito mercantil. Na actualidade, equivalería a un grao en Ciencias Empresariais. Outra das curiosidades do documento é precisamente a do alumno beneficiario do mesmo. Trátase de Eugenio Brocos Tojo, o terceiro dos fillos de Isidoro Brocos, profesor de Pablo Picasso na Escola de Artes e Oficios, situada no actual edificio do Instituto Eusebio da Guarda.
Regulamento dos vinte e cinco
Este folleto do ano 1949, titulado «Reglamento por el que se han de regir los veinticinco», chama a atención polo seu nivel de sofisticación e detalle á hora de fixar as bases para participar nun sorteo vinculado á Lotaría Nacional. Tanto é así, que se establecían un total de 12 disposicións para recoller todo tipo de casuísticas que puidesen xurdir; desde o importe para aboar, os prazos de pagamento, a identificación dos socios, o sistema de repartición dos premios por contía…, ata a perda da condición de membro ou como xestionar a reposición das vacantes.
Mapas provincias
As láminas provinciais foron editadas por Francisco Boronat y Satorre a finais do XIX. Publicáronse primeiro por entregas, baixo o título España Geográfica Histórica Ilustrada e posteriormente, dado o éxito acadado, agrupadas no Atlas Geográfico Histórico de las Provincias de España.
Esta serie ten gran valor ao empregar a estampación en cromolitografía, con que se conseguen reproducións en cor de gran calidade. Ademais, é pioneira na súa composición. O mapa ocupa o lugar central e, arredor del, artéllanse o resto dos elementos: ilustración co escudo de armas, lugares emblemáticos e traxes típicos, recensións xeográficas e históricas, así como unha imaxe coa vista panorámica da capital da provincia correspondente. Cada lámina foi dedicada a un persoeiro da época, a da Coruña a Antonio Romero Ortiz, a de Lugo a Augusto Ulloa, a de Ourense a Eduardo Chao e a de Pontevedra a Justo Pelayo; todos eles ministros durante eses anos.
A información completa de cada un destes documentos pódese atopar na seguinte ligazón: https://www.udc.es/es/srda/cedar/recuncho_singular/.





Deja un comentario