O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) celebra esta fin de semana no Museo MARCO de Vigo o I Encontro Ibérico de Educación pola Arquitectura, coincidindo co 25º aniversario do Proxecto Terra, iniciativa pioneira na divulgación da arquitectura e o territorio entre o alumnado galego.
O encontro reúne profesionais e docentes de Galicia, España e Portugal para compartir experiencias e metodoloxías sobre educación pola arquitectura, urbanismo e sustentabilidade.
A coordinadora do proxecto, Sheila García Prado, destacou que “a construción dun territorio máis sostible, inclusivo e de maior calidade de vida é o noso reto educativo, ademais de procurar a implicación activa do alumnado e o profesorado”.
O programa inclúe relatorios, mesas de debate e unha exposición que recolle os principais recursos e materiais didácticos elaborados ao longo destes 25 anos. Entre os participantes figuran especialistas en educación, arquitectura e paisaxe de distintos puntos da Península Ibérica.
Desde o seu inicio no ano 2000, o Proxecto Terra achegou a arquitectura a máis de 60.000 escolares galegos, consolidándose como unha ferramenta de referencia para coñecer, interpretar e valorar o territorio e o patrimonio construído.





Deja un comentario